OurenseÚltima hora

Os Ecovixiantes de Ourense limpan os restos do magosto en Montealegre

O profesor Lalo Sánchez denuncia "a falta de civismo desta sociedade, consumista e maleducada, cuxos malos hábitos repercuten en todos"

 

Como cada luns dende o inicio de curso, o 15 de novembro foi outra xornada de taponeo para os Ecovixiantes de Franciscanas de Ourense, con clasificación, engarrafado e traslado ata Albarellos de Monterrey. Solidariedade e tamén reciclaxe por parte deste animado e activo grupo que entregaba un total de 65kg.

Dous días despois e tal como estaba previsto, este grupo de voluntarios ambientais acudían a Montealegre para limpiar os restos do magosto. Despois de varias horas de traballo e tal como conta o profesor, Lalo Sánchez, retiraron e pesaron uns 285kg de residuos que tipificaron en vidro, plástico e todo tipo de consumibles, destacando que “as ganas de divertirse e desfrutar do monte non están reñidas coa limpeza”, aínda que despois do visto parece que moita xente aínda non o ten claro.

 

 

Recollendo lixo en Montealegre.

 

Acompañando aos rapaces, estiveron os profesores Josiño, Lalo e Cristina, ademais de Luis da Aula da Natureza do Río Miño e o can ecoloxista, Baloo. Subiron e baixaron camiñando dentro do programa Stars de Mobilidade Sostible e Segura.

Uns días antes desta gran limpeza en Montealegre, o profesor Lalo Sánchez empregaba o domingo en ir el só ata a Atalaya de Monterrey para recoller os restos do magosto no val do Támega, xuntando 350kg nun par de horas, ante o cal denuncia “a falta de civismo desta sociedade, consumista e maleducada, cuxos malos hábitos repercuten en todos”. Barras de pan sen consumir, botellas de refresco sen abrir, fiambre e embutidos… convertían o val nunha paisaxe triste.

 

Deplorable imaxe da Atalaya de Monterrey tralo magosto.

 

Lalo Sánchez na Atalaya de Monterrey.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button