ConcellosÚltima hora

Os efectos do incendios forestais nas propiedades do chan, analizados nunha tese doutoral

Alba Lombao é a autora deste traballo, de cuxos principais resultados se dá conta en artigos de diversas revistas científicas

Publicidade
Alba Lombao, autora da tese doutoral.

 

O impacto dos incendios forestais no chan e no desenvolvemento de técnicas necesarias para minimizar os seus efectos negativos sobre o ecosistema forestal é unha liña de investigación que desenvolve desde hai varias décadas no Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG-Consello Superior de Investigacións Científicas).

Recentemente defendeuse na Universidade de Santiago de Compostela (USC) a tese doutoral “Microbial diversity as a bioindicator of the impact of fires on forest ecosystems”, realizada pola ourensá Alba Lomboa Vázquez cunha axuda predoctoral FPU (Formación de Profesorado Universitario) no grupo Bioquímica e Calidade de Chans do IIAG baixo a dirección de Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica do CSIC.

A tese, de cuxos principais resultados dáse conta en artigos en revistas científicas (entre elas The Science of Total Environment, Catena, Geoderma e Spanish Journal of Soil Science), obtivo a máxima cualificación (Sobresaliente Cum Laude).

“As queimas prescritas son amplamente utilizadas no manexo da biomasa forestal, pero descoñécense os efectos que, aplicadas de maneira repetitiva, teñen na calidade do chan e sobre as comunidades microbianas. O mesmo sucede cos tratamentos de rehabilitación post-incendio: coñécese a súa eficacia á hora de evitar a erosión tras o lume, pero a información dispoñible sobre o seu impacto nas propiedades do chan, especialmente as relacionadas cos microorganismos, e na vexetación é escasa”, explica a autora da tese.

Neste contexto, a tese tiña como obxectivo analizar o impacto dos incendios forestais nas propiedades do chan, considerando tamén factores como a severidade e a recorrencia dos lumes, e determinar a utilidade dos parámetros microbiológicos como indicadores deses efectos. Tamén, buscaba analizar a análise do efecto dos tratamentos de rehabilitación post-incendio (mulching de palla e sementa de herbáceas) sobre a calidade de chan e a recuperación da vexetación co fin de valorar outros aspectos importantes, ademais da súa efectividade, á hora de determinar se procede o seu uso tras un incendio.

Para lograr este obxectivo, levaron a cabo varios experimentos en campo (incendios de media e alta severidade) e en laboratorio (quecemento en mufla a diferentes temperaturas-severidade- que se repetiu no tempo de forma consecutiva para simular a recorrencia).

“Os resultados revelaron que o lume ten un marcado efecto nas propiedades do chan, especialmente nas bioquímicas e microbiológicas, como o carbono da biomasa, as actividades encimáticas e a diversidade microbiana. Ademais, observouse que a análise da diversidade microbiana (ácidos graxos dos fosfolípidos) é o índice máis sensible para detectar os cambios derivados do lume e da súa severidade e recorrencia nas comunidades microbiológicas, mesmo antes de que poidan detectarse noutras propiedades do chan”, destaca a autora.

“O historial previo de incendios dun chan resultou determinante na súa resposta a un novo incendio, o que demostra o efecto negativo e acumulativo dos incendios forestais, é dicir da recorrencia, nas propiedades do chan. Respecto a os tratamentos de rehabilitación post-incendio, o mulching, resultou ser o método máis efectivo para evitar a erosión e, ademais, non afecta á calidade do chan polo que se recomenda a súa implementación na xestión forestal das áreas afectadas polos incendios non controlados, conclúe.

Alba Lombao Vázquez (Santiago de Compostela, 1987) é licenciada (2010) e doutora (2020) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e máster no medio Ambiente e Recursos Naturais (2011) pola Universidade de Santiago de Compostela.

As súas liñas de investigación versan sobre o impacto dos incendios forestais, así como da súa severidade e recorrencia nos microorganismos do chan, bioindicadores temperáns dos cambios producidos na calidade do chan, e a efectividade dos tratamentos de rehabilitación post-incendio para evitar a erosión.

Artigos relacionados

Back to top button