Entrevistas

“Os emigrantes poden axudar á recuperación”

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, di que os galegos da diáspora son claves para internacionalizar a economía galega.

Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Case 446.000 galegos están espallados polo mundo, pero conservan fortes lazos coa súa terra. “É a emigración española que mellor soubo manter os seus vencellos. Penso que non hai ningunha outra comunidade cun vencello tan claro en todo momento entre a súa colectividade no exterior e a do seu ámbito territorial”, salienta o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda (A Bola, 1967).

Son apenas catro meses os que leva no cargo, pero moi intensos en canto a viaxes. A última delas, a finais de marzo, foi aos Estados Unidos e Cuba. Antes, estivo en Arxentina, Uruguai, Suíza, Inglaterra ou Alemaña. “A nosa cidadanía está por todo o mundo, entón o lóxico é que o secretario xeral de Emigración estea alí para coñecela directamente, saber dos seus problemas, falar con ela, pero, sobre todo, para escoitala”.

As viaxes de Rodríguez Miranda continuarán a finais de abril, cunha axenda que inclúe Venezuela, Brasil e México.

¿Con que ánimo e obxectivos asumía este cargo, tendo en conta que vostede tamén é fillo de emigrantes?

Así é. Os meus pais estiveron pouquiño tempo en Europa. É difícil que haxa algún galego sen ningunha vinculación coa emigración na súa familia e iso faime plenamente consciente do que significa en Galicia este tema. Ser o titular de Emigración na Xunta de Galicia é unha responsabilidade tremendamente importante. A emigración para Galicia supuxo moito social e economicamente en sentido positivo ao longo da súa historia, e iso obríganos a manter sempre un contacto directo. En segundo lugar, os que residen no exterior teñen os mesmos dereitos que os da Galicia territorial e iso implica que dende a Administración se lles debe dar a atención axeitada. Pero cecais hoxe hai un plus de responsabilidade en canto a cometidos e é que novamente os galegos da diáspora poden ser un instrumento fundamental que nos axude no proceso de recuperación económica na Galicia territorial.

¿Que orzamento ten a secretaría xeral neste ano?

9,2 millóns de euros. Houbo unha redución orzamentaria, pero estamos traslándoa a unha redución das propias estruturas de funcionamento da secretaría xeral. Isto significa unha maior implicación dos seus traballadores, que asumen esa responsabilidade. Imos garantir o mantemento dos recursos para as prestacións das persoas a nivel individual e para as entidades. De feito, xa temos as convocatorias das diferentes ordes, publicadas a maior parte delas.

¿Que impresión trae das súas viaxes e que demandas lle ten transmitido nelas a colectividade galega?

A primeira demanda é a cercanía, sentir que a Administración galega está pendente dos seus problemas, que escoita as súas inquedanzas e trata de axudar naquelas cuestións nas que o necesitan. E iso é precisamente o que estou tratando de facer visitando todos os países onde hai presenza de comunidades galegas relevantes. Eles reciben positivamente as nosas propostas de colaboración nese traballo de proxección exterior de Galicia e din que están dispostos a axudar.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Santiago Foto: Carlos G. Hervella

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button