EconomíaEconomíaÚltima hora

Os empresarios do Noroeste reivindícanse contra o “illamento loxístico”

O colectivo, no que tamén está a CEO, creou unha Plataforma Loxística para solucionar “a marxinación nos plans da UE  cara a estas rexións” e reclaman apoio do Goberno Central
Os empresarios de Galicia, Asturias, Cantabria e León representan esta Plataforma Loxística.

Os empresarios de Galicia, Asturias, León e Cantabria mostráronse onte “moi preocupados” pola desconexión dos portos destas rexións dos grandes corredores ferroviarios. Esta preocupación levou ás asociacións empresariais e cámaras de comercio a constituír a Plataforma para o Impulso da Loxística no Noroeste, que se presentou hoxe na sé da Federación Leonesa de Empresarios (FELE).

Para os integrantes desta plataforma, da que forma parte a Confederación Empresarial de Ourense, as comunicacións marítimas das rexións do Norte e Noroeste de España co resto de Europa, e do mundo, son fundamentais para o seu crecemento económico e para a xeración de emprego.

Para que as comunicacións marítimas no Atlántico sexan eficaces, é preciso que os portos destes espazos estean conectados dun xeito eficiente con grandes corredores ferroviarios do transporte definidos nas Orientacións das Redes Transeuropeas de Transporte (RTE-T), cofinanciados de xeito prioritario polo Mecanismo Conectar Europa (MCE).

As comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e a provincia de León, din dende esta nova plataforma, “non foron incluídas no Corredoiro Atlántico da Rede Básica, aínda cando España o solicitara na proposta de envío do ano 2011”. Esta exclusión, resaltan, e aínda máis grave cando se observa que os portos de Portugal, de capacidade similar ou inferior, foron incluídos.

Por iso, esta plataforma demanda que as administracións públicas competentes soliciten á Comisión Europea a inclusión das seccións ferroviarias Palencia-León- Xixón/Avilés, Palencia-León-A Coruña/Vigo e Palencia-Santander no Corredor ferroviario nº4, para o que xa solicitaron unha reunión co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.

Según explicou Javier Cepedano, presidente de FELE e voceiro da plataforma, “esta iniciativa nace con vocación de ampliarse coa incorporación doutras rexións colindantes, de institucións académicas, organismos de ámbito tecnolóxico e outras xurdidas da sociedade civil, para evitar que o Noroeste español quede descolgado dos grandes eixos de comunicación e perda ao tren do progreso”.

Para o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, que asistiu á presentación da Plataforma cada ao secretario da entidade, Jaime Pereira, resulta “de grande importancia” o Atlántico como área marítima de acceso cara ao centro de norte de Europa, así como de América, “por iso as áreas de interior precisamos canles eficaces para mover as mercadorías en condicións de competitividade”. Pérez Canal engadiu que, neste senso, “a culminación das infraestruturas ferroviarias serían un elemento indispensable, pero tal como di o manifesto que asinamos as agrupacións empresariais do Noroeste de España, para que estas infraestruturas sexan eficientes é preciso que funcionen e que o fagan dun xeito coordinado, con interconexións a través de sistemas loxísticos multimodales, como require a competencia empresarial e comercial do século XXI”

O presidente da patronal ourensá reclama para elo “o mesmo trato nas infraestruturas para o transporte de mercadorías entre as rexións do interior do Noroeste cara ao Atlántico e mesmo trato que o outorgado na área mediterránea”.

Artigos relacionados

Back to top button