En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Os enmascarados de case 40 festas de inverno toman as rúas de Viana do Bolo

A vila acollía esta tarde o desfile do VII Festival Internacional ViboMask Mascarada Ibérica, que continuará mañá en Vilariño de Conso

Publicidade

 

Os rituais dunhas 40 mascaradas de inverno despregábanse na tarde deste sábado polas rúas de Viana do Bolo. Enmascarados, danzantes, bombos e aixadas, pero tamén cinza, lama, vexigas, tenaces ou mesmo cordas vestían de tradición as rúas desta vila no marco do VII Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño de Conso, que mañá recalará en Vilariño de Conso.

Co atroador son da Asociación Xuntos polo Fulión, e coas danzas dos seus Boteiros, cobraba vida, pasadas as catro e media da tarde, nas proximidades do Toural un intenso e espectacular desfile no que podían verse máscaras e tradicións de diferentes puntos da provincia de Ourense, entre eles dous fulións de Viana do Bolo, os fulións de Mormentelos (Vilariño de Conso) e da Mourela p’acá (Manzaneda), o de Buxán (O Bolo) ou o da Veiga, así como os Cigarróns de Verín, os Felos de Maceda, o Entroido de Laza, Galos de San Pedro da Mezquita (A Merca), Mázcaras da Xironda (Cualedro), Toro e Xigante de Celavente (O Bolo) e Vergalleiros de Sarreaus.

Ademais participaban Entroidos doutras partes de Galicia como o de Salcedo, coa figura do Oso (A Pobra do Brollón) e os seus criados, os Volantes e Maragatos do Entroido Ribeirao (Chantada), o Entroido de Samede (Paderne), os Xenerais da Ulla dacabalo e botando atranques, Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa), Merdeiros (Vigo) e Rancho e Cabaleiros de Entroido da Feira (Salceda de Caselas).

 

 

Así mesmo había mascaradas doutros puntos da península como os Sidros e Comedies (Valdesoto) de Asturias, tamén de Castela e León como os Mazcaraos e Madamas de Pombrirego (León) , o Antruejo de Carrizo de la Ribera (León), Talanqueiras e Visparrps (San Martín de Castañeda, Galende), os Diablos e Mazcaritas de Luzón (Guadalaxara), o Carnaval de Abanto e o Joaldunak do País Vasco ou, xa chegados dende o nordeste de Portugal, os Caretos de Lazarim. No desfile tamén participaban os Mamuthones e Issohadores de Mamoiada (Sardeña, Italia).

O desfile, seguido por un numeroso público, baixaba dende O Toural ata a praza Maior da vila. Para velar pola seguridade contábase coa colaboración da Policía Local de Viana do Bolo, así como con diversas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, entre elas a de Viana, coa do GES da Veiga e coa da Garda Civil.

O programa da VibosMask continuará mañá a partir das 11:30h. cun novo desfile desta volta en Vilariño de Conso.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos:

O VII Festival ViboMask en Viana, en vídeos

 

O VII Festival ViboMask en Viana, en vídeos

Artigos relacionados

Back to top button