En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os enmascarados toman Vilariño de Conso

Esta vila do oriente ourensán acollía a primeira xornada da III Mascarada Ibérica, na que participaban unhas 24 celebracións de inverno da península

Unha fervenza de rituais de inverno se despregaba na tarde do 28 de xaneiro por Vilariño de Conso. Os ritmos, máscaras e danzas característicos dunhas 24 celebracións tradicionais da península invadían a vila da man da III Mascarada Ibérica.

Eran numerosas as persoas que se concentraban na praza e noutros puntos da localidade para seguir un desfile que abría o Folión Rural de Viana do Bolo, un dos catro dese municipio participantes neste evento, xunto co Folión das Carrelas, o Alternativo e o do Casco Vello, acompañados polos seus Boteiros. Pouco despois soaba o intenso toque de Vilariño da man do potente e numeroso folión da Asociación Xuntos polo Fulión deste concello.

De seguido viñan os asombrosos e coloristas Volantes de Santiago de Arriba (Chantada) rodeados polos Maragatos, tamén a Talanquera de San Martín de Castañeda (Zamora). A partir de aí, o público desfrutaba e interaccionaba con multitude cos Caretos de Lazarim, os de Parada e Lagoa ou os Mascaros de Vilaboa de Ousilhão do norte de Portugal; deixábase levar polo ritmo do Fulión de Buxán (O Bolo), do Folión de Mourela p’acá (Manzaneda), e admiraba as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande, os Galos de San Pedro da Mezquita, os Sidros de Valdesoto (Asturias), o Antruido de Paré de Piasca (Cantabria), o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo), que ía xunto coa Escola de gaitas desta localidade.

A comitiva completábana o Folión de Mormentelos, os Xenerais da Ulla, as Madamas e Galáns de Vilaboa de Cobres (Pontevedra), os Peliqueiros e Parrafón de Campobecerros e o Atenazador de San Vicente de la Cabeza.

Esta mascarada podía verse tamén a través da televisión, xa que dende Vilariño se emitía o programa “Aquí Galicia” dende as catro e media da tarde. Despois do desfile, ao redor das nove, os grupos participantes compartían unha cea no pavillón polideportivo. Esta III Mascarada Ibérica continuará mañá a partires das 12h. en Viana do Bolo cun novo desfile, se o tempo o permite.

Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información e fotos:
https://www.osil.info/os-rituais-de-inverno-retan-chuvia-en-viana-bolo/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close