SanidadeÚltima hora

Os equipos de Atención Primaria da provincia atenderon máis 4.4 millóns de consultas en 2021

Os seis Centros de Saúde de Ourense, xunto aos do Barco de Valdeorras e Verín xa teñen implantado o sistema CRM100 para poder recuperar e devolver as chamadas aos usuarios

Exterior do Centro de Saúde do Barco.

 

Cada ourensán fai unha media de 14 consultas ao ano en calquera dos preto de 100 Centros de Saúde e 14 Puntos de Atención Continuada da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nos que o pasado ano 2021 atenderon 4.406.665 consultas, 159.150 delas urxentes.

Atención Primaria é un gran equipo multidisciplinar, formado por persoal médico, de enfermería, pediatría, odontoloxía, farmacia, hixiene dental, matronas, traballo social, de coidados auxiliares de enfermería, de fisioterapia, administrativo e de servizos xerais, ao servizo da atención integral e de proximidade en todas as etapas da vida das persoas.

O lema deste ano ‘Unha Atención de Primeira’ reflicte “non só o a proximidade e carácter de porta de acceso ao sistema de saúde da primaria, senón tamén a súa calidade e indispensable papel dentro do sistema público de saúde, con acceso a historia clínica electrónica, capacidade resolutiva, acceso directo a unha ampla carteira de probas diagnósticas ou implantación de novas tecnoloxías para a mellora da accesibilidade como TELEA, SergasMóbil e un longo etcétera”, indican dende a área ourensá.

 

Centro de Saúde da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Destas novidades a máis recente é a implantación da plataforma de atención ao usuario CRM100 nos seis centros de saúde de Ourense, no de O Barco de Valdeorras e Verín, o que permite ao 50% da poboación da provincia beneficiarse deste sistema que permite captar chamadas perdidas ao centro de saúde, devolvelas e poder así atender a todos os usuarios que contactan telefónicamente. “Os resultados de implantación na nosa Área están a ser moi efectivos, cunha porcentaxe de practicamente o 100% das chamadas devoltas e sempre no mesmo día, incluso nun tempo inferior a unha hora. Resultados nos que hai que destacar a implicación do persoal administrativo”, aseguran dende o Sergas.

Plans de saúde e mellora na xestión da demanda

Ourense implantará este ano plans de saúde local nos Servizos de Atención Primaria de Xinzo de Limia e Castro Caldelas, que formarán parte dos primeiros 14 que se poñen en marcha en Galicia. Paralelamente este mesmo ano implantarase o programa XIDE (Xestión Integral da Demanda). XIDE permite canalizar as demandas da cidadanía, directamente cara ao profesional máis axeitado a cada necesidade, co obxectivo de axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas, evitando duplicidade de citas ou consultas.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia e inclúe na súa “fase 0” o novo centro de saúde da Rúa e o Centro Integral de Saúde de Ourense. Na fase 1 contémplanse os novos centros en Boborás, Muíños e O Carballiño, mentres que na fase 2 proxéctase a construción dos de Allariz, Montederramo, a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo, e o novo Centro de Saúde de A Cuña-Mariñamansa, en Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button