EconomíaEconomíaÚltima hora

Laranxas xigantes nos escaparates do Barco CCA pola Letras Galegas

Esta entidade, en colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros educativos públicos de Valdeorras, desenvolverá unha campaña adicada a Carlos Casares do 16 ao 27 de maio

Un total de 35 establecementos do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) lucirán nos seus escaparates, do 16 ao 27 de maio, unha enorme laranxa co título dunha obra literaria galega escrito sobre ela. Ao redor destas laranxas xira a campaña que vén de poñer en marcha esta entidade barquense con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión ao escritor ourensán Carlos Casares. “Na procura de Carlos Casares” é unha iniciativa promovida en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos CEIPs Condesa Fenosa, Julio Gurriarán, Otero Pedrayo, Virxe do Camiño de Rubiá, CEIP Manuel Respino e IES Cosme López da Rúa, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela, ambos do Barco.

“A idea das laranxas vén da obra de teatro As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Casares, unha das primeiras escritas en galego para o público infantil. E tamén pola súa cor e porque se trata dunha froita que aporta enerxía, vitaminas… algo que precisa a lingua galega”, explicaban as representantes dos equipos de Dinamización dos centros no acto de presentación da campaña, xunto á presidenta e a vicepresidenta do CCA, na tarde do 16 de maio.

A campaña constará de dúas partes. A primeira delas consistirá nunha roteiro literario a modo de xincanca que, como o pasado ano, se desenvolverá polos 35 establecementos participantes co fin de adiviñar se o título da obra literaria que está nos seus escaparates foi escrita ou non por Carlos Casares. En cada un deles disporase de dípticos, que incluirán unha casilla por comercio coa opción “Si” ou “non”, que o participante deberá marcar. Ao completar o percorrido poderá depositarse, tras cubrir os datos, na oficina do Barco CCA no Barco. Haberá un sorteo e premios.

“O obxectivo desta campaña é promover o coñecemento da lingua e da literatura galega, ademais de dar a coñecer os establecementos do CCA”, apuntaba a presidenta do CCA, Sandra Moldes, quen ademais agradecía a colaboración e o traballo desenvolvido dende os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros.

A segunda parte da campaña incluirá a instalación dun tendal xigante con laranxas e galiñas realizadas polos alumnos dos centros participantes no Paseo do Malecón na tarde do 18 de maio. Ademais instalarase outro, a cargo dos centros da Rúa e do Bolo na Rúa.

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información no Especial Letras Galegas en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button