En portadaÚltima hora

Os escaparates valdeorreses vístense de loito contra a violencia de xénero

Entre o 20 e 25 de novembro nos concellos do Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín e A Veiga desenvolveranse unha serie de actos de sensibilización con motivo da data do 25 de novembro
Escaparate dun dos comercios barquenses participantes na campaña “Valdeorras en negro”./ Foto: Carlos G. Hervella.

Xa está en marcha a campaña “Valdeorras en Negro” que se desenvolverá ata o vindeiro 25 de novembro nos concellos do Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín e A Veiga. Trátase dunha serie de actos nos que se implicarán diversos colectivos como o educativo, o empresarial ou o sanitario, e nos que se conmemorará dunha forma conxunta o Día Internacional contra a Violencia de xénero, cuxa data é a do 25 de novembro.

Así dende a tarde de onte, 20 de novembro, comercios como os do Barco amosan camisetas alusivas á campaña nos seus escaparates así como cartelería mensaxes alusivas á mesma, todos eles en tonos branco e negro. O obxectivo desta campaña de “Valdeorras en negro” é “fomentar unha acción de sensibilización e visualización cidadá contra as violencias machistas no ámbito” e tamén “implicar ao tecido económico, asociativo nunha resposta colectiva”, en palabras do concelleiro de Igualdade do Barco, Orlando Saavedra.

 

Cartelería da campaña exposta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Para o 23 de novembro ás 20:30h. está prevista a proxección do filme “Siete diosas” no Teatro Lauro Olmo (haberá un segundo pase o domingo 26 de novembro ás 19h. Ademais o venres 24 de novembro darase lectura a un manifesto ás 12h. nas prazas dos concello, así como nos centros educativos, sanitarios e nas diferentes administracións públicas., e tamén actividades educativas en colexios e institutos. No caso do Barco haberá asemade proxeccións de filmes relacionados con esta temática no Teatro Lauro Olmo.

A principal novidade desta edición será unha Andaina solidaria prevista para o propio 25 de novembro con saídas simultáneas ás dez da mañá dende as prazas dos Concellos do Barco e da Rúa (pasando tamén por Petín) para concentrarse finalmente en Vilamartín, ao redor das 12h. Alí terá lugar un acto que incluirá unha actuación musical a cargo da violoncellista Luisa Carnero, a lectura dun manifesto e, finalmente, haberá un magosto. Despois os participantes poderán regresar aos seus puntos de partida en autobús.

 

Outras mensaxes da campaña./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button