OurenseÚltima hora

Os escolares de Barbadás celebran a Semana da Mobilidade

O Concello tamén organiza actividades para adultos como clases de aerobic e ximnasia na rúa
Escolares de Barbadás canda aos efectivos de Protección Civil.

O Concello de Barbadás organiza unha serie de actividades con motivo da Semana Europea da Mobilidade. A primeira desas actividades arranca mañá, 22 de setembro, cunha clase de aerobic e exercizo na rúa, dirixidos a toda a poboación que queira participar. Esta actividade levarase a cabo no parque dos Amieiros.

Asemade, a Concellería de Educación programou outra serie de actividades estes días da Semana da Mobilidade. Por exemplo hoxe, 20 de setembro, o alumnado de 5 anos do colexio O Ruxidoiro visitaron as instalacións da Policía Local e coñeceron as funcións que desenvolven os axentes. Para chegar até os locais da Policía, fixeron o camiño andando dende o seu centro.

Onte, 19 de setembro, os escolares de Barbadás puideron coñecer a base de Protección Civil. Os rapaces puideron ver os vehículos dos que dispoñen os operarios para facer o seu traballo e tamén a importante labor social que realizan estes voluntarios á hora de atender as emerxencias.

Estas actividades continuarán mañá xoves e o venres cunha saída á rúa e posta en práctica das normas de seguridade viaria a través da comprobación na rúa do cumprimento da lexislación. Deste xeito, o propio xoves 21 de setembro, o alumnado de 6º de Primaria do colexio Filomena Dato van realizar un traballo na rúa a través das multas solidarias, guiados polos axentes da Policía Local e por voluntarios de Protección Civil. Por outra banda, o día 22 de setembro o alumnado de sexto curso do colexio O Ruxidoiro, tamén percorrerán as rúas da Valenzá na procura de infractores.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, afirmou que “a importante poboación infantil que hai no concello de Barbadás precisa ser formada en seguridade viaria”. O rexedor considera que “esta é unha materia pendente que este goberno quere solventar”. Valcárcel engadiu que o seu goberno “aposta por unha mobilidade integradora contando con todos e para este obxectivo traballamos tamén intensamente no camiño escolar e na eliminación de barreiras arquitectónicas”.

Artigos relacionados

Back to top button