CulturaCulturaÚltima hora

Os escolares de Barbadás repoboan a beira do río con árbores autóctonas

Os escolares de Barbadás celebraron hoxe, 21 de marzo, o Día da Árbore plantando especies autóctonas á beira do río. Esta actividade levouse a cabo, din dende o Concello, para “concienciar aos nenos e nenas da importancia das árbores para a vida” e dende un punto de vista ecolóxico, económico e climático.

Os máis pequenos conseguiron así repoboar de vexetación unha zona do paseo do río, no tramo que transcorre entre a pasarela do parque dos Patos e a ponte de Vila escusa, con especies propias. En total foron 30 árbores ás que plantaron entre as que había bidueiros, pradairos e ameixeira. Os propios docentes e dende o Concello intentan motivar aos rapaces para “espertar os seus intereses dos mesmos para que entendan o papel importante que xogan os bosques na batalla contra o cambio climático”, apuntan fontes consistoriais.

Tras repoboar a zona, os membros do Seprona “impartiron charlas nos colexios Filomena Dato e Ruxidoiro para explicar que a mellor defensa para poder evitar os incendios é a sensibilización, a cultura preventiva e as actividades destinadas a coidar o medio ambiente”, apuntou a concelleira de Educación, Marga Pérez. A edil sinalou que nestas charlas “déronse consellos para coidar os bosques e evitar os incendios e lembrouse que ante a detección dun lume hai que chamar ao 112 ou ao 062”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Rafael Sierra, incidiu en ter en conta os datos que ofreceron os profesionais do Seprona; por exemplo “o feito de que en España, Galicia ten o marca de maior número de incendios e dentro da comunidade galega, Ourense ocupa o primeiro lugar”. Outro dato que aportaron os membros do Seprona aos escolares foi que, para que se produza a rexeneración dun bosque que arde, teñen que pasar 130 anos.

Artigos relacionados

Back to top button