CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os escolares de Manzanda aprenden a usar o número de emerxencias 112 cos Bolechas

Carlos Bolechas visitaba na mañá deste 20 de outubro o centro educativo desta vila

 

Escolares do CEIP de Manzaneda recibían na mañá deste martes 20 de outubro a visita de Carlos Bolechas coa nova proposta do programa de divulgación da Axencia Galega de Emerxencias sobre o uso responsable do número único europeo 112.

A través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, Carlos Bolechas explicoulles a un grupo de escolares de infantil e primaria de Manzaneda cando deben chamar ao 112 e os datos que teñen que facilitar aos xestores de emerxencias para ter unha resposta axeitada. As nenas e nenos puideron ver tamén un vídeo no que Braulio Bolechas amosa como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia) onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na comunidade autónoma galega. Tras a proxección o alumnado participou nun obradoiro destinado a afondar nos coñecementos adquiridos e aclarar posibles dúbidas, facendo especial fincapé na importancia de facer un bo uso do número de emerxencias 112. Unha mensaxe que poderán ampliar co material didáctico sobre o 112 recibido ao final da actividade, que se realiza seguindo as máis estritas medidas de seguridade.

 

 

Esta proposta enmárcase nun amplo programa didáctico destinado á poboación infantil que a Axega puxo en marcha hai uns meses co fin de concienciar desde as primeiras idades na importancia que ten o bo uso do número 112. Para iso, ademais do audiovisual, publicouse un libro dos Bolechas no que, a través dunha divertida aventura, se explica como funciona o servizo de emerxencias na nosa comunidade, como traballa o persoal, como se coordinan todos os servizos etc.

A todo isto súmase unha páxina web específica, https://osbolechas.gal/112, con máis información e consellos, pero tamén con divertidos xogos e actividades que facilitarán a aprendizaxe das nenas e nenos máis pequenos e porán a proba os coñecementos adquiridos. Na web está tamén accesible o vídeo de Braulio Bolechas así como fichas didácticas para traballar diversos aspectos relacionados coas emerxencias dun xeito moi práctico e ameno.

Artigos relacionados

Back to top button