CulturaCulturaÚltima hora

Os escritores en lingua galega homenaxean a Rosalía de Castro no día do seu nacemento

O presidente da AELG, intervindo no acto conmemorativo do Día de Rosalía de Castro 2017.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou hoxe, 19 de febreiro, e como cada ano nesta data, o Día de Rosalía de Castro, co que conmemoran o nacemento da poeta. O acto levouse a cabo no Panteón de Galegos Ilustres, situado no convento de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela e onde repousan os restos da escritora de Padrón.

A escritora Ledicia Costas foi a encargada de ler un manifesto, que ela mesma escribiu, e no que describe a Rosalía de Castro como “unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais”. Costas fixo referencia á violencia machista: “A voz (a de Rosalía) que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de ‘Basta xa, querémonos vivas!’ “. E tamén se referiu á poeta como “aquela que quedaría afónica ao solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida”.

 

Outro dos momentos do acto.

 

Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro.

No acto tamén estiveron presentes os membros da directiva da AELG. Entre eles estivo o ourensán Cesáreo Sánchez Iglesias, que actualmente preside a institución. Así como o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Artigos relacionados

Back to top button