CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os estudantes de Primaria de Valdeorras ilustran os poemas de Florencio Delgado Gurriarán

A mostra presentouse no CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín e percorrerá os centros de toda comarca

Un total de once murais, un por cada Centro de Educación Infantil e Primaria da comarca de Valdeorras, conforman a mostra de ilustracións dos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, elaboradas polos cativos no marco do proxecto “As letras de Florencio”.

A semana pasada a mostra estivo na Rúa e na mañá do 23 de maio permanecía no patio do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras. Os seus alumnos elaboraron debuxos sobre o poema “A lúa: branca pastora” e os outros centros valdeorreses fixérono sobre outros. “A maioría dos escollidos son da obra Bebedeira e Cantarenas, centrados en Valdeorras para que os nenos puidesen facer un percorrido polos personaxes que Florencio utiliza na súa poesía máis animista e paisaxista polo que temos representados o río Sil, as montañas, as uvas, os castiñeiros,…”, explica a directora do proxecto Débora Álvarez.

Así, no mural do Pablo VI-Fátima hai debuxos do poema “Vento, ventiño do norte”; no do CEIP Julio Gurriarán, de “Inverno monte”; no do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá sobre “O souto morto”; no do CEIP Condesa de Fenosa de “O casoiro”; no do CEIP Manuel Respino da Rúa de “Aí vén o maio”; no do CEIP Edurado Ávila Bustillo da Veiga, do poema “Cousas das serras”; no do CEIP do Bolo sobre o “Himno ao viño”; no do Divina Pastora sobre “Seiseñor”; no do Otero Pedrayo sobre “Muiñada”; e no do Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo sobre “A cadea”.

De forma paralela, están preparando unha unidade didáctica para traballar nos centros. “Hai unha especie de misterio como un pequeno xogo, que teñen que adiviñar (un poema que non se corresponde cos debuxos) para que eles investiguen”, explica Débora, avanzando que gravaron cos alumnos do colexio de Vilamartín uns pequenos videos para que sexan eles os que den pistas aos estudantes dos outros colexios.

Despois da Rúa e Vilamartín, a exposición percorrerá os diferentes centros da comarca, e a unidade didáctica presentarana de cara ao mes de setembro para promocionala fóra de Valdeorras. No acto celebrado en Vilamartín estiveron presentes os alcaldes de Petín e Vilamartín, Miguel Bautista e Enrique Álvarez; a concelleira de Cultura de Vilamartín Amparo Rodríguez; a directora do centro Ángeles Trincado; e a directora do proxecto Débora Álvarez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button