EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os expertos mundiais Masters of Wine, por primeira vez na DO Valdeorras

Os días 14 e 15 de abril coñecerán viñedos e adegas, e catarán mencías e godellos
Unha visita profesional á adega Virxe de Galir. /Foto: Carlos G. Hervella.
Unha visita profesional á adega Virxe de Galir. /Foto: Carlos G. Hervella.

Por primeira vez, a Denominación de Orixe Valdeorras recibirá aos Masters of Wine, os maiores expertos internacionais no mundo do viño. Durante dous días, concretamente o 14 e o 15 de abril, preto de 20 Masters of Wine estarán en terras valdeorresas para coñecer os viñedos e catar os viños, “o que constituirá unha ocasión única de darnos a coñecer no mundo” explica o presidente do Consello Regulador da DO Valdeorras, José Vicente Solarat.

Dende o Consello aseguran que os visitantes están moi interesados en ver e coñecer in situ as viñas e os terreos nos que se asentan, así como ter a oportunidade de catar unha gran cantidade de marcas amparadas pola Denominación de Orixe. A visita está organizada dende o propio CRDO Valdeorras e dúas adegas ofrecerán a cea e o xantar durante a estancia.

Importadores xaponeses en Godeval. /Foto: Carlos G. Hervella.
Importadores xaponeses en Godeval. /Foto: Carlos G. Hervella.

Os 17 Masters of Wine que visitarán a comarca do oriente ourensán son maioritariamente ingleses aínda que tamén asistirán outros chegados dende Australia, USA, Noruega, Suecia, Alemaña e Irlanda. Entre eles estará o Master of Wine español, Pedro Ballesteros, que realizará labores de anfitrión nesta primeira viaxe oficial a Galicia (primera a España dende 2007).

Expertos americanos catando no Pazo do Castro. /Foto: Carlos G. Hervella.
Expertos americanos catando no Pazo do Castro. /Foto: Carlos G. Hervella.

Os expertos chegarán a terras valdeorresas na tarde do martes 14 de abril e serán recibidos polo presidente do Consello Regulador, José Vicente Solarat. A continuación realizarán unha cata duns 40 viños de adegas da Denominación de Orixe. Trala cata desprazaranse ata unha adega para coñecer as súas instalacións e cear. Ao día seguinte 15 de abril pola mañá continuarán con visitas a viñedos e adegas, e xa en torno ao mediodía serán recibidos noutra adega donde xantarán e asistirán a unha cata vertical de godellos.

Xornalistas holandeses nunha visita á DO Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.
Xornalistas holandeses nunha visita á DO Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

A orixe do “Institute of Masters of Wine” do que forman parte os profesionais que se achegarán ata Valdeorras na vindeira semana, remóntase ao ano 1955, cando os integrantes máis importantes do sector vinícola do Reino Unido decidían que debería existir unha titulación que representara a “máxima excelencia na educación do viño” así como unha organización que promovese a máis alta profesionalidade na industria vinícola. Hoxendía son 318 os profesionales de 24 países que foron capaces de aprobar os exames desta titulación e que poden engadir as letras MW (Master od Wine) ao seu nome. En España unicamente hai un: Pedro Ballesteros.

Artigos relacionados

Back to top button