SanidadeÚltima hora

Os Farmacéuticos de Ourense volven ao lugar onde se fundou o Colexio hai 100 anos

A institución foi creada no Salón de Sesións da Deputación baixo a sinatura de 34 farmacéuticos da provincia

O Salón de Plenos da Deputación acolleu na mañá de hoxe, 3 de xaneiro, un acto conmemorativo do centenario do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense. Unha delegación desta entidade, encabezada polo seu presidente, Vicente Jairo Álvarez, foi recibida polo presidente do organismo provincial, Manuel Baltar. O acto, solemne á vez que sinxelo, serviu para pór en valor, por parte de Baltar, o traballo desenvolvido polos farmacéuticos na provincial.

O presidente da Deputación lembrou que foi “neste mesmo edificio” (referíndose ao Pazo Provincial) onde o 3 de xaneiro de 1918 “34 farmacéuticos asinaron a constitución do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense”. Baltar díxolles aos presentes que eran “os herdeiros lexítimos” deses 34 farmacéuticos.

Foi no Salón de Sesións da Deputación onde se constituíra este organismo, por este motivo elixiuse o Salón de Plenos para facer esta efeméride. Sen saír do discurso, Manuel Baltar fixo referencia, tamén, ao servizo público “esencial” que realiza este colectivo farmacéutico na provincia.

Pola súa parte, o presidente da entidade, Vicente Jairo Álvarez, foi máis breve e salientou a simboloxía do acto que hoxe levaron a cabo: “Ocorréusenos que para iniciar a serie de actos que temos planeados para este centenario, deberiamos reunirnos aquí, no mesmo lugar onde naceu o Colexio”.

Ao rematares, Manuel Baltar fixo entrega ao presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense unha figuriña de Sargadelos, en forma de afiador, que reproduce a pintura do ourensán Antonio Puga e que “simboliza a idiosincrasia de Ourense”, apuntou o presidente.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button