En portadaÚltima hora

“Os Fillos da Vide”, da ruesa Ana Domínguez, mellor película galega na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

O xurado destacaba o “ben tratada que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño”

Recoñecemento para Valdeorras na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, que se vén de celebrar en Santiago a primeiros de xuño. O filme “Os Fillos da Vide”, da directora ruesa Ana Domínguez, vén de facerse co premio á Mellor Película Galega neste certame. Este traballo retrata dun xeito moi persoal o ciclo das estacións tomando como eixo o cultivo da vide, unha referencia cultural e socioeconómica ao longo do tempo na comarca de Valdeorras.

O xurado apoiou a súa decisión no “ben tratada que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño”. Na parte cinematográfica considerou que “funcionan moi ben a recreación do pasado, da comunidade e do traballo colectivo fronte ao problema actual do despoboamento do rural”.

 

Ana Domínguez sostendo o premio con Ángel Rueda./ Foto cedida por Ana Domínguez.

 

Nesta 13ª edición do MICE a película alemano-española “Grab and run” de Roser Corella, sobre o a tradición do rapto de noivas no Kirguistán, recibía o premio á Mellor Película Etnográfica.

O xurado desta edición estivo formado por Elisenda Ardévol (antropóloga audiovisual e profesora da UOC), Miguel Alonso Cambrón (antropólogo especializado en etnografía sonora e membro de AGANTRO) e Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense). Ademais acordaban entregar unha mención especial ao documental “Ohne Diese Welt” de Nora Fingscheidt.

Fotos cedidas por Ana Domínguez.

Artigos relacionados

Back to top button