EconomíaÚltima hora

Os floristas da provincia denuncian “intrusismo” nas vésperas de Todos os Santos

Critican a proliferación de particulares e bazares de “produtos baratos” que venden flores nunha das campañas máis fortes do ano
Integrantes e directiva da Asociación de Floristas de Ourense, tras a comparecencia a medios.
Integrantes e directiva da Asociación de Floristas de Ourense, tras a comparecencia a medios.

O sector dos floristas xunta forzas en Ourense para denunciar o “intrusismo” que en vésperas de Todos os Santos se acentúa máis ao ser unha das campañas máis fortes de todo o ano. Dende a sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), a Asociación de Floristas de Ourense e Provincia trasladaba na mañá do martes 25 de outubro aos medios as súas queixas e malestar pola existencia de “particulares” no negocio de vender flores. A presidenta do gremio, Inés Lage, apuntaba concretamente a “particulares e establecementos alleos a este oficio que usurpan o noso traballo”. Un labor que, segundo engadiu, ofrece “calidade e garantía de produto e resultado final”.

Lage compareceu acompañada do vicepresidente do colectivo, Jesús de Dios, quen explicou que pediron cita co alcalde de Ourense e coa edil de Comercio para abordar o asunto e buscar solucións, aínda que, polo momento, aseguraban non ter aínda confirmación por parte do concello. Pero este colectivo non se queixa só polos floristas apostados na cidade. Dá a cara polos case 40 establecementos de toda a provincia, que supoñen o 75% do sector. Así, defenden que os floristas profesionais invisten en formación e actualización “como para que en fechas próximas a campañas fortes aparezan locais alugados unicamente a esta actividade que non garantizan calidade, nin no produto nin no resultado final, pois ofrecen elaboración de centros de flor natural”.

Imaxe do escaparate dun bazar na cidade de Ourense. // Foto: S.F.
Imaxe do escaparate dun bazar, estes días, na cidade de Ourense. // Foto: S.F.

Tamén poñen o aceno os floristas nos bazares de produtos “baratos” que invaden as beirarrúas con esta mercancía e destacan incluso a existencia de bares ou cemiterios que anuncian venda por parte de particulares, sobre todo no ámbito do Ourense rural. Advirten de que “esta xente utiliza flor que procede e fincas particulares, polo que a calidade e a durabilidade non é a mesma que a das flores tatadas na floristería”.

Por todo isto, dende a asociación fan un chamamento á sociedade e buscan concienciar aos consumidores da importancia de mercar as flores en establecementos especializados. “Nós non vendemos nin marisco no Nadal nin castañas nos magostos, entón só queremos defender o noso, un oficio que nos custa manter ao longo do ano”, concluíron.

Artigos relacionados

Back to top button