Cultura

Os fogos, marcan a diferenza no Barco

Cun programa “moi completo, con orquestras, espectáculos, actividades deportivas e bastante movemento concentrado en cinco días de festa, para que a xente non se aburra”. Así se presentan as festas do Cristo 2013 no Barco de Valdeorras, as grandes, que se desenvolverán do 12 ao 16 de setembro. Unha celebración que contará co espectáculo da orquestra Panorama, “que este ano será unha das cousas que máis chame a atención, xa que segundo a forma de actuar da xente hoxendía, sobre todo da xuventude, penso que será todo un reclamo” explica o concelleiro de Cultura do Barco eduardo Ojea, responsable da programación lúdica e cultural.

A outra actividade que sen dúbida marca a diferenza con outras festas da zona será a sesión de fogos artificiais sobre o río Sil prevista como cada ano para o día do Cristo. “É algo que atrae xente de tódolos pobos” di Ojea, consciente de que O Barco é o único da zona que os mantén “mantendo ademais o nivel”.
Con todo estas son só dúas das propostas para os cinco días de festa que como sempre inaugurará o pregón previsto para o xoves 12 de setembro no Teatro Lauro Olmo a partires das 21h. Este ano correrá a cargo de Lucas Mondelo, adestrador da selección nacional de baloncesto feminino “cun currículo moi interesante e completo a nivel deportivo e fillo de barquenses (malia nacer en Cataluña) que vén moito polo Barco”. Tal como adianta o propio concelleiro, o pregón seguirá o mesmo formato doutros anos coa actuación do Orfeón Valdeorrés e membros do Conservatorio, “se nos da tempo un pequeno video e xa o pregón en si para que non se faga moi longo”.
A orquestra Panorama actuará o domingo 15 de setembro, nas Festas do Cristo do Barco 2013

Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A programación propiamente dita comezará o día seguinte, venres 13 de setembro, víspera do Cristo con actos xa de mañá para os nenos e o tradicional pasarrúas da man dos gaiteiros. Para ese día pola tarde hai programada unha das novidades deste ano: a actuación do grupo Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, na praza do Príncipe.
No campo da festa ubicado no Malecón actuará a orquestra Sintonía de Vigo, mentres que o concerto estelar, especialmente dirixido á poboación máis xove terá lugar na praza Andrés de Prada. O trio Lagarto Amarillo achegarase ata O Barco para presentar en directo o seu último. Antes de que a banda madrileña suba ao escenario, será o grupo valdeorrés Trasnochando quen vaia abrindo boca con temas do seu disco “Farolas encendidas”.

A ritmo de pop, rock e incluso ritmos latinos ou reggae, chegaremos ao día do Cristo, sábado 14 de setembro, coa actuación dunha banda de música que acompañará tamén á procesión coa imaxe do Nazareno, protagonista dos festexos. Ese será o día do Descenso, unha as probas deportivas estrela do programa, e tamén da actuación da agrupación barquense Son do Sil en Andrés de Prada. No campo da festa haberá baile ao ritmo da orquestra Ledicia e ás 22:30h. os tradicionais fogos artificiais sobre o río.
O domingo 15 de setembro, máis pasarrúas pola mañá e unha nova edición da Xuntanza de Pandillas no Teatro Lauro Olmo que nesta ocasión estará adicado ao grupo musical barquense Los Iris. Xa pola tarde, tocaralle o turno á Milla Urbana do Barco, unha proba de atletismo con preto de trinta anos de historia nas festas do Cristo, e tamén á actuación doutra agrupación local: a Banda de Música do Barco. Tamén pola tarde, durante o desenvolvemento da proba atlética polas rúas do Malecón, haberá teatro de rúa, con artistas que interactuarán co público.

O domingo será tamén o día da actuación da orquestra Panorama que achegará ata o campo da festa o seu mellor espectáculo en dous pases: un pola tarde e outro xa de madrugada, para que todo o mundo poida asisir (tamén actuará a orquestra Océano).

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O SIL).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button