En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os folións e os Boteiros toman Viana do Bolo o Domingo Gordo

Unha vintena de toques, boa parte deles de aldeas do municipio, enchían do ritmo ancestral do Entroido a vila

Dende primeira hora da mañá do 3 de marzo Viana do Bolo ía enchéndose de xente que acudía á vila para celebrar un dos días grandes do seu Entroido: o Domingo Gordo. A partires das once e media numerosas persoas enchían as rúas para ver a vintena de folións que participaban nun potente desfile que se iniciaba no Toural e que concluía na praza Maior.

Os primeiros en saír eran os do Tameirón, seguidos por un dos folións de Petín, o da Veiga, Os Labregos (Trives) e Buxán (O Bolo). Despois viñan os vianeses de Fornelos de Cova, Cabo da Vila, Grixoa, Punxeiro, Quintela de Edroso, As Carrelas, Bembibre, Santa Mariña, Penouta-Ramilo, Vilaseco, Vilarmeao, Quintela, Fornelos de Filloás, Fradelo e, finalmente, o Folión Alternativo. Algúns deles levaban ademais unhas elaboradas carrozas.

E durante o desfile tamén facía a súa aparición pola praza a mascarada da Mula e do Maragato, facendo das súas entre o público asistente. O desfile concluía arredor das tres da tarde e a partir de aí, tanto folións como visitantes e veciños, desprazábanse ata o pavillón polideportivo ou á carpa instalada ao seu carón para desfrutar da ILIX Festa da Androlla de Viana.

Fotos: Torfy.

Artigos relacionados

Back to top button