ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Os folións toman Trives en pleno agosto

A vila enchíase de público que asistía na tarde do 14 de agosto ao Entroido de Verán, organizado pola Caniceira

Os bombos e os sachos, ademais dos Boteiros e ata un Touro, enchían de ritmo e cromatismo as rúas trivesas na tarde do 13 de agosto. Media ducia de folións participaban no Entroido de Verán que vén de organizar, por noveno ano consecutivo, a Asociación Cultural A Caniceira.

Era precisamente o seu folión o que abría, pasadas as seis e media da tarde, o desfile dende a Finca da Barreira, nun traxecto que concluía na praza do Reloxo, tras percorrer o casco antigo trivés. Despois saían As Maceiras (Trives), o folión de Castro Caldelas, Os Viticultores (Vilamartín), Os Arrieiros (Petín) e, pechaban a comitiva Os Labregos (Trives), acompañados por varios Boteiros.

A vila enchíase de xente que seguía o desfile ao longo do seu traxecto nun ambiente festivo moi especial. Despois, os grupos participantes eran convidados pola organización a unha merenda en Santa Leonor.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button