En portadaÚltima hora

Os franceses chegan a Petín esta fin de semana

Juan Martínez Blanco “Juanón”, será o pregoeiro desta edición da Feira de 1812 que se celebra do 2 ao 4 de xuño
As tropas francesas percorrerán as rúas de petín. /Foto: Carlos G. Hervella.

Os franceses tomarán Petín esta fin de semana. E desta volta será practicamente literal xa que nesta edición da Feira de 1812 que se celebra do 2 ao 4 de xuño, unha compañía de entre 30 e 40 persoas fará unha recreación polas rúas do casco antigo de Petín. “Igual que hai dous anos, montarán o campamento a carón das piscinas e ao longo da fin de semana desfilarán pola feira cun espectáculo de pólvora maior que na outra ocasión”, explican dende a Asociación Cultural Fonte Grande, organizadora en colaboración co Concello de Petín do evento que nacía hai cinco anos da idea de conmemorar o bicentenario da Constitución de Cádiz de 1812 e o intento de invasión das tropas francesas no pobo de Petín no ano 1809.

Seguindo o mesmo formato das anteriores edicións, a mostra abrirá as portas o venres pola tarde, ás 20h. coa lectura do pregón a cargo de Juan Martínez Blanco “Juanón” e a actuación do grupo de gaitas Airiños de Caldelas. A inauguración marcará así o inicio de tres días de festexos nos que Petín retrocederá no tempo, representando o ambiente de comezos do século XIX en canto a oficios, artesáns, vida social, tradicións, con figurantes (soldados franceses, bandoleiros, comerciantes, damas,…) polas rúas, e con numerosos postos ocupados por empresarios e artesáns do propio concello, de toda a comarca de Valdeorras e tamén doutros puntos da xeografía galega e incluso española, de todo tipo de produtos: dende o escribinte ou a botica ata adegas do municipio, artesanía en coiro, esculturas, artesanía enlousa, doces, carnicería, manualidades, maquetas de barcos, licores, restauracións,…

 

O carro tirado pola parella de bois, na pasada edición da Feira. /Foto: Carlos G. Hervella.

A música tampouco faltará nesta ocasión, con actuacións os tres días. O venres actuará o grupo de gaitas; o sábado a Charanga Sorcha, pola mañá e pola tarde, e pola noite haberá un concerto na Taberna do recinto; e o domingo a Banda de Música Fonte Garande debutará na praza ás 13h. actuando asemade pola tarde no recinto.

O horario de apertura da feira é o venres de 20 a 23h; e sábado e domingo de 12 a 15h. e de 19 a 23h. Todas a noites haberá churrasco na Taberna e o domingo ás 21h. farase o sorteo de 500 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button