ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Os fulións e comparsas de Viana tirarán “de enxeño para que o sentir entroideiro chegue ás casas”

Boteiros e folións na praza Maior de Viana do Bolo no Domingo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dende os Fulións e Comparsas de Viana do Bolo vén de emitirse un comunicado con relación á celebración do “Entrudio” este ano 2021. “Todos os vianeses agardamos ano tras ano a chegada destas datas, uns días que para nós significan, ademais de troula, identidade e unión. A grandeza do noso Entrudio radica en que nunca deixa a ninguén de lado e en que trata a todas as persoas por igual. Precisamente, por cumprir con ese respecto e solidariedade propios da tradición, este 2021 a nosa festa non poderá desenvolverse da maneira á que estabamos acostumados”, indican.

A pesar diso, aseguran que “hai unha cousa que non pode cambiar: o Entrudio foi (e debe seguir sendo)un tempo de esperanza que contribúe a espantar todos os males do inverno. E nos vindeiros días, aínda que nunhas circunstancias ben distintas, non deixará de ser así. Se algo ten a nosa tradición é que sempre recompensa a quen mira por ela. E por ese motivo estamos colaborando toda a xente dos fulións e das comparsas de Viana do Bolo: para manter e alimentar unha ilusión que nos axuda a vivir mellor”.

Os fulións e as comparsas vianesas sinalan así mesmo que “non sabemos o que sucederá nas próximas semanas, mais pola nosa parte tiraremos de enxeño, vontade e esforzo para que boteiros, comparsas, disputas, fulións, lardeiros,fuliadas, fariña e todo o sentir entrudieiro chegue ata as vosas casas”. Será a través das redes sociais do Entroido de Viana como o irán anunciando. E nestas iniciativas contarán co apoio do Concello de Viana do Bolo.

Ademais piden á veciñanza que sexa responsable “co cumprimento das medidas que diten as autoridades.¡Viva o Entrudio e todos os que o fan posible!”, rematan.

Artigos relacionados

Back to top button