OurenseÚltima hora

Os futuros Espazos Emprende facilitarán o labor emprendedor da mocidade

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou a iniciativa no Espazo Xove de Ourense

Os actuais Centros Xove ou Casas da Xuventude serán transformados en Espazos Emprende para que a mocidade poida crear e desenvolver iniciativas innovadoras e emprendedoras en instalacións adecuadas, onde os usuarios terán acceso a asesoramento formativo, empresarial e persoal para encamiñar os seus proxectos. Así o aseguraba a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez na presentación da iniciativa no Espazo Xove de Ourense.

A responsable do departamento autonómico destacou que o fin destes novos espazos públicos de coworking, dinámicos e polivalentes, é “tecer unha rede de apoio á empregabilidade da poboación xuvenil impulsando o espírito empresarial, é dicir, axudando aos mozos e mozas a xerar actividades profesionais e laborais na proximidade do seu ámbito territorial e que non o fagan sós”. Nos momentos iniciais da súa idea de negocio poderán mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada e coaching persoal.

As titorías personalizadas incluirán acompañamento en autoemprego, cooperativismo, asesoramento en aspectos legais relativos á constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia, entre outros. Ademais, activaranse protocolos de intervención, seguimento e avaliación do proxecto, así como o seguimento de indicadores de resultados. Tamén se desenvolverá formación personalizada, incluída a on-line e coaching individual. Para o desenvolvemento destas actividades o prazo de inscrición abrirase en abril.

Previamente á presentación dos Espazos Emprende, a directora xeral realizou unha visita á sede da Asociación Española de Loita contra o Cancro en Ourense. Durante a mesma, a titular do departamento autonómico destacou o labor que a entidade realiza na provincia en prol das persoas afectadas por esta doenza e das súas familias. Así mesmo, Cecilia Vázquez departiu cos responsables das instalacións sobre a importancia da colaboración das persoas voluntarias na asociación, unha cuestión na que a directora xeral trasladou todo o apoio da Xunta de Galicia para futuras colaboracións.

Artigos relacionados

Back to top button
Close