En portadaÚltima hora

Os gandeiros e apicultores da montaña do oriente ourensán afectados pola seca reúnense co vicepresidente da Deputación

Un dos momentos da reunión entre o vicepresidente da Deputación e os gandeiros e apicultores da montaña oriente ourensán.

Ante a complexa situación que viven pola persistente seca, os gandeiros, agricultores e apicultores da montaña do oriente ourensán seguen demandando solucións da Administracións. Tras realizar diversas mobilizacións (a última unha tractorada por Viana do Bolo na mañá do 7 de setembro), unha representación destes produtores da “zona cero da seca”, tal e como eles mesmos a denominan, vén de reunirse co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

O encontro tiña lugar o 20 de setembro e no seu decurso os gandeiros expoñíanlle o difícil momento que están a atravesar pola falta de alimento para o seu gando, os custes que iso supón, tendo en conta ademais que nestes momentos están xa a usar as reservas que tiñan previstas para o inverno. Ademais pedían facilidades para poder transportar a auga para dar de beber aos animais.

O vicepresidente da Deputación, segundo explican, escoitou as súas demandas, interesouse pola problemática e amosou a súa vontade de mediar para poder axudalos.

Fotos cedidas.

 

Rosendo Fernández, intervindo durante o encontro cos produtores.

Artigos relacionados

Back to top button