CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

Os goles de Vera (2) e Marc Vicente (1) dan a vitoria ao CD Barco en Calabagueiros

Co 3-2 ante o CD As Pontes remataba o encontro da xornada 9 na fase pola permanencia en Terceira, disputado na tarde deste domingo 30 de maio

 

Xa non tiñan marxe de erro para manterse fóra da zona de descenso polo que o partido desta tarde en Calabagueiros tiña que ser si ou si para o Barco. E hoxe os rapaces de Iván González non fallaron. Non foi doado e a piques estiveron de rematar o encontro en táboas, pero finalmente o colexiado pitaba o final co 3-2 no marcador ante o CD As Pontes e os tres puntos para o CD Barco.

Na calurosísima tarde deste domingo 30 de maio, na que foron necesarías dúas paradas (unha en cada metade) para que os xogadores se refrescaran, ámbolos dous equipos saltaban ao terreo de xogo dispostos a levarse a vitoria aínda que a presión para os vermellos (a un posto da zona de descenso) era moito maior que a dos coruñeses que xa partían da zona baixa da táboa nesta encarnizada loita pola permanencia en Terceira División.

 

 

Quizais porque a presión era menor, eran os visitantes os que se adiantaban no marcador transformando un penalti no minuto 26. Na primeira parte non habería máis goles e tralo paso polo vestiario, Vera empataba o encontro marcando o primeiro para o Barco no minuto 50. Pouco despois, no 76′ Marc Vicente poñía o 2-1 no marcador e Calabagueiros poñíase en pé. Non contentos con este resultado, os vermellos quixeron asegurar a vitoria e no minuto 81 Vera volvía marcar poñendo o 3-1. Con todo, o partido aínda non rematara e rozando xa o desconto, no 90′, As Pontes marcaba o segundo da tarde, rematando o encontro co 3-2 final. Así, tras 90 minutos de extrema tensión, xogadores, afeccionados e sobre todo directiva respiraba satisfeita.

 

 

O Barco sumou hoxe tres puntos de ouro cos que respirar, manténdose unha semana máis nos postos de salvación. “O bo é que só dependemos de nós mesmos así que en casa non podemos fallar”, aseguraba hai só uns días o míster, convencido de que o van lograr. A falta de tres partidos, a emoción está servida.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button