EconomíaEconomíaÚltima hora

“Os grandes ouros da ‘Guía de Viños de Galicia’ amosan a diversidade dos viños de Valdeorras”

Alejandro Paadín vén de presentar a edición 2021 desta publicación, da que é coautor xunto a Luis Paadín, no consello regulador valdeorrés

 

A edición do 2021 da “Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia” vén de ser  presentada esta mañá na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras por parte de Alejandro Paadín, coautor (xunto a Luis Paadín) desta recoñecida publicación. Este experto destacaba que “este foi o ano no que máis viños de Valdeorras se cataron de cara a elaborar a guía” e matizaba que “se abre o perfil no tipo de viños catados, e as medallas de grandes ouros outorgadas na publicación amosan a gran diversidade dos viños da comarca”. Neste sentido, destacou especialmente os “viños de parcela” como singulares do territorio amparado.

Así, no caso dos tintos, Paadín mencionaba no medalleiro deste ano, “ademais das referencias que xa están máis que consolidadas, hai un pequeno cambio de perfil porque conviven viños con moita estrutura, como son as garnachas tintureiras e centenarias, con viños cun pouquiño menos de capa, viños elegantes e amosa a diversidade de Valdeorras que comeza a ser máis patente”.

No referente aos brancos, o coautor da guía resaltaba que “nos grandes ouros seguendo sendo maioritarios os godellos e os de anadas anteriores. O potencial do envellecemento da uva godello está fóra de toda dúbida e o perfil cada vez se vai abrindo máis, con elaboracións de barrica, coas lías, cos viños doces e pouco a pouco vanse vendo perfís que se distancian moito das variedades e se achegan moito máis ao terruño que cremos que é máis importante para unha D.O.”.

Alejandro Paadín estaba acompañado nesta presentación polo presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, quen puxo en valor que este ano a Guía distingue con “Gran Ouro”, o máximo recoñecemento da publicación, a un total de 21 referencias valdeorresas. Co selo de “Ouro” cualifícanse 80 viños e co de “Prata” un total de de 40.

Así mesmo, García Pando agradeceu ao equipo que fai posible a publicación que non detivera o seu traballo “malia ás dificultades derivadas da pandemia, nun ano tan complicado para o sector”. Ao tempo, puxo en valor que cada vez máis referencias valdeorresas son distinguidas nunha Guía “que xa é
todo un referente de divulgación enolóxica en Galicia”.

Máis de 1.500 referencias de viños galegos e destilados

A “Guía de Viños, Destilados e adegas de Galicia 2021”, editada por Paadín Eventos, consta de 480 páxinas a todo cor e finánciase a través dun proxecto de micromecenado (con máis de 250 mecenas). Este volume está exenta de publicidade e para a súa elaboración catáronse máis de 1.500 referencias de viños e destilados galegos procedentes de 500 adegas emprazadas en todos os territorios amparados de Galicia. A publicación contén non só fichas de produto, senón tamén mapas climáticos e pluviométricos dos últimos catro anos de cada denominación de orixe.

As novidades da décima edición da guía

Entre novos contidos desta décimo primeira edición da guía figura un apartado dedicado ao “terruño”, á xenética da vide e as variedades galegas, tanto brancas como tintas; xunto cunha interesante parte sobre “sinomimias e homonimias, cun índice de máis de 300 referencias, presentadas por orde alfabética (dende a abella: caíño tinto, ata a zamarrica: tinta femia).

Tamén se recolle un capítulo de “Tendas de viño”, nas que teñen un “especial protagonismo os viños galegos”, en cada unha das provincias de España. E a idea é “ir aumentando esta listaxe”, adiantaba Alejandro Paadín.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button