En portada

Os grupos políticos barquenses ven satisfactoria a decisión da DGT de manter os exames teóricos

Emitían unha declaración institucional conxunta, que lle será remitida aos concellos valdeorreses para que a asinen, e logo enviada a Tráfico
O alcalde en funcións do Barco, Aurentino Alonso, xunto aos portavoces municipais de Riada Cidadá e do PP, na rolda de prensa do 20 de xullo./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O alcalde en funcións do Barco, Aurentino Alonso, xunto aos portavoces municipais de Riada Cidadá e do PP, na rolda de prensa do 20 de xullo./ Foto: Ángeles Rodríguez.

A volta atrás na decisión anunciada o venres 17 de xullo pola Dirección General de Tráfico (DGT) de suspender os exames teóricos de conducir no Barco a partires do 5 de agosto é valorada de xeito “satisfactorio” polos grupos políticos barquenses. Así o manifestaban a través dun comunicado conxunto, tras manter unha reunión na mañá do 20 de xullo na que participaban o alcalde en funcións, o socialista Aurentino Alonso, o portavoz municipal do PP, Arsenio Moldes, e o de Riada Cidadá, Félix García.

Sen embargo, tamén matizaban na declaración institucional realizada que “consideramos necesario seguir vixiantes porque o “globo sonda” lanzado polo Goberno e as formas utilizadas para iso (anuncio repentino, dun día para outro), fainos pensar que se trata dunha decisión que podería deixarse en suspenso durante un tempo, pero volver a retomarse nun futuro próximo. Hai que recordar que a primeiros dos anos 80 xa houbo unha tentativa para quitalo”.

Os representantes políticos barquenses tamén aseguran no documento que os criterios esgrimidos para “xustificar a centralización resúltannos incomprensibles e alonxados da realidade: falar de modernización e accesibilidade, cando para os veciños de Valdeorras este feito supón un grave prexuízo de tempo, cartos e alonxamento da administración é unha contradicción que os valdeorreses non podemos entender”.

E apúntase que a “DGT, coma outros organismos do goberno central, tomaron esta decisión sen pensar nas repercusións que este feito pode provocar nas poboacións e bisbarras ás que afecta a centralización dos exames. Non se falou nin se negociou, nin se valoraron os pros e as contras, senón que se comunicou, tanto ás autoescolas coma ao Concello, coma un feito consumado”.

Ademais Aurentino Alonso matizaba que no caso de que a DGT lle pedise ao Concello un espazo exclusivo para este tipo de probas “nós amosámonos dispostos a colaborar con eles para lograr o mantemento dos exames”.

O portavoz municipal do PP, o edil Arsenio Moldes, apoiaba tamén o comunicado e destacaba que “non nos poden quitar os servizos que temos” e ademais nunha decisión tomada “sen poñerse en contacto cos afectados”. Na mesma liña se expresaba o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, incidindo tamén en que “a tecnoloxía de hoxe permite calquera proba a distancia”.

A comunicación de que os exames se ían manter facíase vía telefónica dende Tráfico ao Concello e ás autoescolas. A declaración institucional do Concello do Barco asinada polos tres grupos municipais será remitida ao resto dos concellos da comarca para que a rubriquen e logo enviada á DGT.

Artigos relacionados

Back to top button