En portadaÚltima hora

Os hospitais de Valdeorras, Verín e Ourense, libres de Covid-19

O hospital do Barco acadaba o seu punto crítico o 17 de abril con ata 21 pacientes con esta patoloxía ingresados

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Despois de máis de tres meses de loita contra o coronavirus, ningún dos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistra pacientes ingresados por COVID-19, nunha loita que acadou seu punto álxido o 7 de abril cun total de 216 pacientes hospitalizados, 195 en planta e 21 en UCI, mais 782 a domicilio, segundo informa a Consellería de Sanidade

O primeiro paciente con diagnóstico de Covid ingresou no Hospital Universitario de Ourense o 8 de marzo, dando inicio a unha escalada que non deixaría de crecer ata o 7 de abril, pasando de dous ingresos o 15 de marzo a 17, en tan só unha semana, un deles xa na UCI.

O número de ingresos medraba a un ritmo diario mentres, en paralelo os hospitais adaptaban o seu funcionamento á nova realidade, traballando en espello con accesos e plantas diferenciadas, en función do diagnóstico confirmado, sospeita Covid e o resto de patoloxías.

A UCI de Ourense triplicaba a súa capacidade de ingreso e os servizos médicos, encabezados por Medicina Interna, Urxencias, Pneumoloxía, Enfermidades Infecciosas e Medicina Intensiva, integraban a súa resposta da man dos servizos centrais de Farmacia, Radioloxía, Microbioloxía, Anestesia e Preventiva, mantendo os servizos cirúrxicos a cirurxía urxente e a de prioridade 1.

O punto crítico, na Semana Santa

Despois de semanas de incerteza para “dobrar a curva” o punto crítico chegou rondando a Semana Santa -chegaron a adicarse exclusivamente a Covid ata seis unidades de hospitalización en Ourense e dúas unidades en cada un dos hospitais comarcais de Valdeorras e Verín– mentres os doentes a domicilio, seguidos desde Atención Primaria en colaboración co ESCAH (Equipo de Soporte Coordinación de Atención Hospitalaria) superaron os mil casos en toda a provincia.

Por hospitais, o de Ourense acadou seu cumio o 7 de abril, con 165 pacientes en planta e 21 en UCI. Ao día seguinte, o 8 de abril, foi o de Verín o que chegou ao seu máximo, con 10 ingresos, e pouco despois, o 17 de abril, o de Valdeorras, con 21. Neste mesmo período a UCI acadou tamén seu punto crítico con 23 ingresos confirmados, segundo Sanidade.

Polos tres hospitais pasaron, nestes tres meses, máis de 500 pacientes, a maior parte polo Universitario de Ourense, mais de sesenta en Valdeorras e trinta en Verín. A falta de afondar nos datos recollidos ao longo destes meses, máis polo miudo, a maioría dos ingresos foron homes, o que coincide con diversos estudos, que apuntan a un maior risco de complicacións graves entre eles, pese a que, en Ourense, a enfermidade afectou mais extensamente as mulleres, o que tamén se podería relacionar coa maior porcentaxe de femias entre os grupos de maior idade.

Desde a dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de facerse público “o seu agradecemento e orgullo pola calidade humana e profesional dos equipos de persoal, que traballaron como un só, compoñendo unha primeira liña formada por multitude de profesionais das diferentes disciplinas, médica e facultativa, de enfermería, TCAEs, celadores, PSXs, persoal técnico, de limpeza, de mantemento, de loxística, de recursos materiais, de compras, de recursos humanos… e, por suposto, á cidadanía que, co seu comportamento cívico, propiciou que o virus deixase de alimentar a curva”.

Artigos relacionados

Back to top button