OurenseÚltima hora

Os humoristas David Amor e Oswaldo Digón actúan mañá no Auditorio de Ourense

A oferta da fin de semana inclúe monicreques e un concerto de piano
O humorista galego David Amor.

Monicreques, monólogos e música de piano. É a oferta do Auditorio Municipal de Ourense para esta fin de semana.

“Musicreques, contacontos musical é un espectáculo de monicreques con música en directo. A narración oral acompáñase de rimas, cantos e soportes visuais para que os nenos participen da maxia dos contos orixinas, escritos por Loreto Pérez e ilustrados por Alma Cendán. Entre outras cantigas non faltarán Cada cousa no seu lugar, O caracol viaxeiro, Xoguemos a adiviñar, Pío e Pía ou A galiña Carmiña. Recomendado para cativos de 0 a 4 anos no marco do programa “Apego”, haberá dúas funcións, ás 18 e ás 19 horas do venres 11 de xaneiro, e as entradas teñen un custe de 3€ anticipada (ataquilla.com) e na billeteira desde dúas horas antes da función. Crianzas, gratis. Na noitiña de mañá (2h.), a sala principal do Auditorio acollerá o 20º aniversario dos Monólogos-R, unha efeméride que celebran cun espectáculo a cargo de David Amor e Oswaldo Digón. As entradas están reservadas para clientes da operadora de telecomunicacións R.

E xa o sábado, 12 de xaneiro ás 20h. será o momento do concerto de piano a cargo de Emilio Álvarez Cid, formado no Conservatorio Profesional de Ourense e no Superior de Música de Madrid. Actualmente traballa como docente do CMUS Profesional de Vigo e ten actuado en diferentes ciclos de concertos en Madrid, Illas Baleares, ou Londres. O seu concerto, con entrada de balde, fará un percorrido polos grandes mestres como Shubert, e Liszt, Beethoven ou Mendelssohn.

Artigos relacionados

Back to top button