En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os ídolos oculados das pinturas rupestres de Casaio, únicos en Galicia

Felipe Criado-Boado (Incipit, CSIC), Francisco Alonso Toucido (Estela Arqueoloxía), Carlos Tejerizo-García (Incipit, CSIC) e Manuel Santos-Estévez (Universidade do Minho) presentaban en Santiago os primeiros resultados da análise destas importantes mostras de arte esquemática prehistórica

Ademais de ser unha das escasas mostras de arte esquemática rupestre de época prehistórica en Galicia, a importancia das pinturas da Pala de Cabras de Casaio radica nas seus motivos, no número e nas técnicas empregadas. Os primeiros resultados das análises realizadas sobre elas dábanse a coñecer en Santiago na tarde do 6 de xuño no decurso da charla “Unha ollada desde o outro lado. As pinturas rupestres de Casaio e a arte rupestre galega”.

Nesta exposición interviñan Felipe Criado-Boado (Incipit, CSIC), Francisco Alonso Toucido (Estela Arqueoloxía), Carlos Tejerizo-García (Incipit, CSIC) e Manuel Santos-Estévez (Universidade do Minho). Dentro deses primeiros resultados os investigadores resaltan que no tramo de parede do abrigo rochoso da pala, duns 12 metros, teñen localizados 21 paneis con restos de pinturas. “Isto ata certo punto é hipotético xa que debemos realizar aínda un traballo de limpeza e de diágnose para determinar cal é panel e cal non. A nosa estimación é que pode haber ata 30 pinturas conservadas, pero polo de agora con seguridade temos confirmados uns 15 motivos”, explicaba o arqueólogo Carlos Tejerizo.

Dese total de 15, no acto en Santiago presentábanse as sete que teñen máis recoñecidas, entre as que figuran as de ídolos oculados. “Temos recoñecidos ata o momento tres e posiblemente haxa ata cinco. Esta é a conclusió máis interesante e importante a nivel científico. Que haxa representacións esquemáticas deste tipo tan ao noroeste xa é interesante, pero o realmente interesante son esas figuras oculadas que son moi estrañas e o número que hai. De feito, os parelelos máis próximos están en Tras-os-Montes (Portugal) e despois hai que ir ata Cuenca, Murcia, Yecla… para ver algo semellante…”, resaltaba Tejerizo.

 

Imaxe da Pala de Cabras, onde se atopan as pinturas rupestres de Casaio (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na charla tamén se amosaban outros motivos que aparecen nestas pinturas esquemáticas como son os soliformes (3) e os ramiformes (1). “Son as sete que temos mellor recoñecidas”. Na súa realización empregouse a pintura vermella e está constatado, por agora, o uso de cando menos dúas técnicas diferentes nos seus trazos.

Ademais, Manuel Santos, experto en arte prehistórica, destacaba que esta zona valdeorresa representa a fronteira entre a arte atlántica, gravada sobre rochas ao aire libre cos petróglifos, e a arte mediterránea ibérica esquemática en abrigos rochosos. Son dúas tendencias totalmente contrapostas que ata agora era moi complicado de ver na mesma zona, algo que si acontece en Valdeorras.

Esta é a cuarta presentación que os investigadores fan dos primeiros resultados destas pinturas, descubertas en febreiro por parte dun equipo integrado por investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio e da empresa Estela Arqueoloxía dentro dun proxecto de investigación sobre as paisaxes da guerrilla antifranquista. A primeira delas tiña lugar no colexio de Casaio, a segunda foi unha charla tamén nesta localidade para os veciños e a terceira unha conferencia no centro educativo de Sobradelo. Ademais o 1 de maio organizábanse visitas guiadas para os veciños de Casaio ata o lugar onde se atopan estas relevantes manifestacións de arte prehistórica.

Fotos da galería: Sputnik Labrego.

Máis información:
https://osil.info/o-caracter-excepcional-das-pinturas-rupestres-de-casaio-explicarase-nunha-conferencia-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button