A GudiñaConcellosÚltima hora

“Os investimentos nas zonas desfavorecidas son o medio para que deixen de selo e teñan futuro”

O alcalde da Gudiña, José María Lago, destaca o potencial de desenvolvemento que supón para a provincia a alta velocidade ferroviaria e a estación Porta de Galicia

 

A construción e posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria e da estación “Porta de Galicia” constitúe “un fito moi importante na historia e sobre todo no futuro da Gudiña. Nestes tempos nos que se fala moito da España baleirada esta obra vertebradora do territorio vén a paliar moitas carencias e a demostrar que os investimentos nas zonas desfavorecidas sono mediopar que deixen de selo e teñan futuro”. Así o destacaba o seu alcalde, José María Lago, na súa intervención no foro “Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades”, celebrado onte en Expourense.

Lago comezaba a súa intervención lembrando a vinculación da Gudiña co ferrocarril. “En 1923 propúxose a construción do tramo Zamora-A Coruña-Vigo dentro do plan de ampliación do ferrocarril. Posteriormente, en 1926 dividiuse en 4 subtramos e un deles foi o de Puebla a Ourense, dicindo xa entón que era o tramo tecnicamente máis complexo de toda a península ibérica. Nese tramo sitúase a estación orixinal da Gudiña, estación que foi inaugurada en 1957. Á marxe da complexidade técnica, este tramo tivo unha serie de circunstancias históricas e políticas que retrasaron moito a súa construción”. Tamén resaltaba que a creación da primeira estación da Gudiña supuxo un “despegue económico e demográfico moi grande”.

 

O alcalde da Gudiña, José María Lago (á dereita da imaxe), no foro celebrado onte en Ourense xunto ao delegado da Xunta na provincia.

 

A partir de aí recordaba o inicio do proxecto da liña da alta velocidade nesta zona da provincia, a partir do ano 2000. “Os milleiros de traballadores que durante estes anos pasaron pola nosa vila, onde residiron, traballaron, e mesmo nalgúns casos casaron, e todos gastaron e fixeron que a economía local fora puxante, coma noutras vilas que tiveron as mesmas circunstancias, pero que por desgraza non contan cunha estacióni e vense abocadas ao peche destes negocios que xurdiron”, dicía Lago, incidindo en que a actividade económica xerada arredor das obras do AVE contribuíu á dinamización da comarca “durante os anos da crise”.

 

 

Neste senso, destacaba que A Gudiña posúe “un sector servizos moi importante, somos o primeiro ou o segundo concello de España con máis establecementos hostaleiros e un dos de máis habitacións hoteleiras por habitante, e iso débese á autovía e ao AVE”.

Ademais, o rexedor da Gudiña explicaba que a chegada desta alta velocidade vai implicar unha serie de oportunidades para este municipio e para as comarcas próximas tendo en conta a gran variedade e cantidade de recursos turísticos das mesmas. “Case se tarda menos en chegar á Gudiña que a Navacerrada un día de fin de semana”, afirmaba.

José María Lago concluía dicindo que “os cruces de camiños son os que marcan o futuro dos pobos, e grazas a estación e ao AVE temos un futuro. O potencial de desenvolvemento da comarca é moi grande e as oportunidades de investimento e captación de capitais para novos negocios é inmenso. Grazas aos que traballaron por esta estación, aos que están e aos que nos abandonaron. O AVE trouxo o futuro á Gudiña, a Ourense e a Galicia”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button