CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Os libros falan da fronteira, pero non exactamente da Raia”

O antropólogo Manuel Mandianes abre o ciclo de conferencias do I Festival Internacional de Curtas de Verín

Cunha conferencia sobre o sinal antropolóxico que a “Raia” deixou nos habitantes dun e doutro lado da fronteira, o antropólogo ourensán Manuel Mandianes encetaba na tarde do 8 de novembro o ciclo de conferencias culturais incluído no I Festival Internacional de Curtas de Verín. O acto, celebrado na Casa da Cultura, iniciábase coa intervención do coordinador das xornadas, Bruno Rúa, e do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen destacaba a importancia deste novidoso certame, que conta xa con máis de 600 traballos de países moi diversos. “Pensamos que pode converterse nun festival de referencia no eido do cinema, e máis en concreto no tema das curtametraxes”. De seguido, presentaba ao conferenciante como unha autoridade en materia de antropoloxía, cunha obra que “toca temas tan diversos como o Entroido, a tradición oral ou a emigración”.

Pola súa banda, Mandianes agradecía a invitación e o feito de que fose a súa ponencia a que abrise “este ciclo importante do festival, que rebasa non só a nosa raia, senón outras moitas”. Logo explicaba a influencia que ten a raia na identidade dun país. “Os libros falan de fronteira, pero non falan exactamente da raia. Aquelo que nos fai e que non nos damos conta do que nos fai. Falamos do contorno dende fóra, pero non do que é o sentido íntimo das cousas que nos fan”.

Tamén revelaba a súa experiencia da Raia, do que supuxo para el “o feito de ter pasado a fronteira con Portugal. Aínda me lembro da primeira vez que o fixen, tiña 14 anos”. E relataba o “acontecemento, a lembranza que deixou en min aquilo”. Referíase asemade á influencia física que tivo na comarca de Verín a raia, onde ao longo das décadas “viviamos o contrabando como un feito cotiá”.

Artigos relacionados

Back to top button