ConcellosÚltima hora

Os magostos de Cruz Vermella na provincia de Ourense

O primeiro celébrase hoxe no Barco de Valdeorras e o 7 de novembro será o da capital
Magosto organizado por Cruz Vermella Ourense.
Magosto organizado por Cruz Vermella Ourense.

O venres 7 de novembro entre as 17 e as 19:30h, Cruz Vermella Ourense celebrará o seu tradicional magosto. Unha festa que reunirá ás persoas maiores do Centro de Día e dos proxectos de teleasistencia, respiro familiar e axuda a domicilio complementaria, así como aos nenos que participan nas actividades de promoción do éxito escolar, dos Centros de Mediación Social, a Ludoteca Infantil, e do proxecto acollemento familiar.

A festa, organizada por persoal técnico e voluntario de Cruz Vermella, arrancará cun obradoiro de manualidades con castañas (de 17 a 18h. no salón de actos do Centro de Día e na aula “Fonte do Rei”). E xa en torno ás 18h. comezará a merenda, a base de chourizos asados, xamón e castañas, para dar paso ao baile que protagonizarán os máis animados.

Ao longo deste mes as asembleas de Cruz Vermella da provincia celebrarán tamén os seus particulares magostos. No Barco de Valdeorras, hoxe martes 4 celébrano cos participantes do obradoiro de estimulación para persoas con alzheimer, e a vindeira semana farano cos nenos que reciben apoio escolar. O luns 10 de novemebro será en Celanova, e o martes 11 no Carballiño. O xoves 13 será no Ribeiro e entre os días 12 e 13, na Gudiña, Viana, Riós e Vilariño de Conso. O último será o de Cruz Vermella Monterrei na semana do 17 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button