En portada

Os Maios, festa da natureza

Esta tradición aínda pervive ao encetarse o mes de maio en localidades ourensás como O Barco, Verín, Allariz ou Ourense cidade
Detalle dun dos Maios de feitura tradicional no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Detalle dun dos Maios de feitura tradicional no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Paus, flores, fiunchos, follas, froitas… Elementos vexetais que van cubrindo un armazón e dando forma a grandes esculturas piramidais ou figurativas. Arredor delas dánzase cada día 1 de maio e cántanse coplas, repasando en tono satírico a realidade local. O Barco é un dos recunchos galego, xunto con Ourense cidade, Verín ou Allariz, onde aínda segue viva a tradición dos Maios, ligada aos ritmos da natureza que antano marcaban a vida do home.

O ritual repetirase este ano. Así o vindeiro día 1 a praza do Concello do Barco converterase en escenario da tradicional Festa dos Maios, promovida de forma conxunta entre o Centro Comercial Aberto (CCA) da vila e o Concello. A partires das once da mañá os verdes, vermellos, alaranxados ou marróns das composicións vexetais encherán de cor esta zona barquense. Participarán no concurso de Maios (cuxo prazo de inscrición remata o 30 de abril) con dúas modalidades: feitura enxebre e artística. En cada unha delas establécense tres galardóns (1º premio de 250 euros, 2º premio de 200 euros e 3º premio de 150 euros), ademais dun accésit para os restantes Maios, segundo as bases. A maiores, o público poderá votar ao Maio que máis lle guste a través do “Voto Aberto”. E xa ao mediodía escoitaranse as coplas, acompañadas en moitos casos por instrumentos.

Esta celebración terá como marco unha mostra de artesanía que se vén desenvolvendo con éxito nos últimos anos. Poderán visitarse unha trintena de stands de madeira, pedra, coiro ou alfarería, que mesmo ofrecerán desmostracións. Tampouco faltarán os postos de produtos gastronómicos e o ambiente estará animado pola música.

Un dos Maios artísticos de Verín.
Un dos Maios artísticos de Verín.

No caso de Verín, tamén o día 1 de maio terá lugar concentración de Maios artísticos, tradicionais e humanos no Parque da Alameda de Verín, entre as 10h. e as 14h. Nas bases do certame sinálase que a súa feitura pode ser artística ou enxebre, pero sempre con “elementos naturais como xestas, carrabouxos, flores, madeiras, pedras, etc.”.

Ademais co fin de promover a recuperación dos xogos populares na comarca o Concello de Verín organizará no marco dos Maios o Trofeo de Chave Ricardo Soto-(nas modalidades de adultos e infantil) e o Trofeo de Petanca (en colaboración coa Cruz Vermella Monterrei e co Centro Socio-Comunitario de Verín. Serán ás once da mañá.

Público visitando os Maios na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Público visitando os Maios na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Outra das referencia da provincia nesta festa será a cidade de Ourense, pero xa o día 3 de maio na Alameda do Concello. Así ás 12 h dará comezo a Romaría dos Maios e unha hora despois poderá desfrutarse cun concerto da Banda Municipal de música de Ourense. Por outra banda, de 12.00 a 16.00h. desenvolverase unha Sesión Vermú con petiscos, ás 16.30 haberá xogos e enredos populares e, finalmente, ás 18.30h. procederase á entrega de premios e ao canto de coplas finalistas.

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel de maio do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button