En portadaÚltima hora

Os Masters of Wine comezan no Ribeiro a súa andaina polas denominacións ourensás

Tras visitar Rías Baixas, desprazábanse ata a D.O. Ribeiro onde percorrían viñedos e probaban os seus viño

A visita comezaba cunha presentación técnica das características da D.O. Ribeiro.
A visita comezaba cunha presentación técnica das características da D.O. Ribeiro.

Cunha presentación técnica das singularidades da Denominación de Orixe Ribeiro, da man do seu director técnico, Pablo Vidal, comezaba a visita dun grupo de 17 Masters of Wine a esta zona vitivinícola ourensá o 14 de abril. De seguido tiña lugar unha cata de viños de garda con fin de amosar a súa capacidade de envellecemento e boa evolución.

Estes expertos desfrutaban da “complexidade e elegancia do viño branco da colleita 2010, elaborado coas variedades autóctonas Treixadura, Godello Albariño, así como co frescor e profundidade do tinto do 2008 de Sousón, Caíño Longo, Brancellao e Ferrón. Para complementar o coñecemento deste especial entorno agroclimático presentáronse individualmente 20 marcas de viños brancos de diferentes adegas e tipoloxías, que expresaron as características xerais” desta denominación, segundo se indica dende o CRDO Ribeiro.

Asemade este grupo coñecía de primeira man diferentes viñedos, con catas de viños propios en cada un deles, para, desa maneira, poder puideran aprezar as diferenzas entre terruños, solos, variedades, elaboracións, así como a expresión da personalidade e filosofía vitivinícola de cada un dos elaboradores. Nese senso, visitáronse novas plantacións que amosan a gran aposta de futuro, pero tamén viñedos que datan a súa orixe no século XII.

Os 17 Masters of Wine participantes na viaxe, nun dos viñedos da D.O. Ribeiro.
Os 17 Masters of Wine participantes na viaxe, nun dos viñedos da D.O. Ribeiro.

Despois de percorrer as adegas e viñas, Pedro Ballesteros, o único Master of Wine español, declaraba
que “estou vendo unha rexión con moita xente moi preparada, que ofrece algo único, propio, xenuino, que queren á súa terra e que non queren parecerse a ninguén… O Ribeiro está en plena revolución”.

Artigos relacionados

Back to top button