EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os Masters of Wine visitarán viñedos e catarán viños valdeorreses

Un grupo de 18 membros desta prestixiosa entidade están a percorrer as cinco denominacións de orixe galegas
O presidente da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, na rolda de prensa sobre a visita dos Masters of Wine./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, na rolda de prensa sobre a visita dos Masters of Wine./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras pasar polas denominacións de orixe de Rías Baixas e Ribeiro, un grupo de membros do Instituto “Masters of Wine” achegarase os días 14 e 15 de abril ata a Valdeorras. Será a primeira vez que 18 expertos desta entidade, “a máis prestixiosa do mundo en materia de viños, visite esta D.O.”, tal e como destacaba en rolda de prensa o seu presidente, José Vicente Solarat.

A maior parte destes expertos son ingleses, se ben no grupo tamén hai australianos, estadounidenses, noruegueses, suecos, alemáns ou irlandeses. Tamén estará con eles “o único Master of Wine español, Pedro Ballesteros”, adiantaba Solarat. O seu obxectivo é coñecer “in situ” os terreos e viñedos onde se cultivan os viños valdeorreses que logo valorarán en varias catas.

O programa da viaxe comezará cunha recepción por parte do presidente da D.O. no Pazo do Castro (O Barco) na tarde do 14 de abril. De seguido, farase unha cata de 50 viños valdeorreses. Posteriormente visitarase a adega Roandi, onde tras un percorrido polas súas instalacións, ofreceráselles unha cea.

A súa segunda xornada en Valdeorras comezará con novas visitas a adegas e viñedos que concluirán no Bolo. De seguido trasladaranse a Godeval, xa en Xagoaza (O Barco). Nesta última adega desenvolverase unha cata vertical de godellos e un xantar no que se harmonizará, da man do cociñeiro Álvaro Villasante (do Grupo Nove), a gastronomía da zona cos seus caldos a través de diferentes pratos.

“Trátase dunha visita complexa, tendo en conta que só existen 320 membros deste instituto no mundo. Esta é a segunda ocasión na que veñen a España e a primeira que visitan Valdeorras. A intención é que esta visita sirva para acreditar a calidade e a exclusividade dos viños desta denominación”, asegura José Vicente Solarat.

Tras pasar por Valdeorras, os Masters of Wine desprazaranse ata a D.O. Ribeira Sacra e xa o xoves 16 de abril estarán na de Monterrei. Alí tamén poderán coñecer os viños desta zona a través dunha cata comentada duns 40 viños co seu presidente, Antonio Ángel Méndez Atanes. Tamén se realizarán visitas a adegas que foron seleccionadas directamente por este grupo de expertos internacionais.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button