SanidadeÚltima hora

Os médicos galegos poderán consultar na historica electrónica información de contactos vinculados aos seus pacientes de Covid

Desta maneira os facultativos "saberán non só a situación da enfermidade do paciente que están a tratar, senón a evolución que están a ter as persoas da súa contorna próxima que puideron ter contacto co virus", segundo Sanidade

 

Os médicos galegos poderán monitorar na historia clínica electrónica dos pacientes (IANUS), non só ao enfermo de Covid-19, tal e como viñan facendo, senón que disporán da mesma información sobre os casos sospeitosos e os contactos estreitos relacionados con el. Trátase dunha rede integral de seguimento do virus, apoiada no IANUS.

“Ata agora, os médicos dispoñían de listas de traballo integradas no IANUS onde son informados dos novos casos do seu ámbito de atención, situación na que se atopan e os cambios que se producen no estado dos seus pacientes asociados a esta patoloxía. Desta forma pódese actuar con maior celeridade”, aseguran dende a Consellería de Sanidade.

Ademais Sanidade asegura que, “coa posta en marcha da Central de seguimento de contactos, estase obtendo información relevante sobre as enquisas realizadas a todos os casos e o seguimento de contactos. Esta información se consolida no sistema de vixilancia epidemiolóxica (VIXIA) único para toda a comunidade, e que permite dispoñer dunha información veraz, actualizada e consolidada asociada a cada caso e os seus contactos”.

Agora esta información esténdese a todos os profesionais sanitarios introducindo melloras no IANUS. Así, os profesionais poden coñecer non só a situación da enfermidade do paciente ao que están a consultar, senón tamén a evolución que están a ter as persoas da contorna próxima do mesmo que puideron ter contacto co virus, ver se están en seguimento, se presentan síntomas ou mesmo se contraeron a enfermidade.

Dende a Consellería de Sanidade considérase “fundamental” reforzar a aposta polas plataformas tecnolóxicas que se ven facendo para realizar un mellor seguemento da pandemia. “Isto é algo crucial neste momento, xa que a vixilancia dos posibles novos brotes é vital para non ter un repunte de Covid-19 e permite dar unha resposta áxil e homoxénea fronte ao virus en todo o territorio”, indica Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button
Close