OurenseÚltima hora

Os mellores alumnos da 38ª Olimpíada Galega de Química son de centros educativos de Ourense

Universidade, Xunta e profesionais químicos animan aos participantes no certame a estudar en Galicia a carreira de Química

Participantes na Olimpíada de Química 2021.

 

“Anímovos a que estudedes a carreira que vos guste porque o importante é que sexades felices coa vosa carreira profesional. Ser felices é o máis importante”. Así falaba o pasado venres a decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo, María de los Ángeles Pena Gallego, ao alumnado participante na XXXVIII Olimpíada Galega de Química, que visitou o laboratorio da Facultade de Química da Uvigo e recolleu os seus diplomas e galardóns.

Esta edición da Olimpíada homenaxeou ao químico natural de Guarda Xeneroso Álvarez Seoane, ex presidente da Asociación de Químicos de Galicia e considerado un dos “pais das olimpíadas de química”. Xunto a el, ademais de alumnado e profesorado, acudiu o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira Lema; o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez; e o coordinador da Olimpíada de Química de Galicia, Juan Sanmartín. Todos, animaron a mozos e mozas participantes a “estudar química” porque “é a base técnica e experimental dos avances da innovación”. “A química é unha profesión de futuro”, apuntaron ao unísono.

 

Ganadores ourensáns da Universidade de Vigo.

 

Da Demarcación Universitaria da Universidade de Santiago recolleron o seu galardón os tres primeiros: Luís García Romarís (Colexio Manuel Peleteiro), Cayetana Matogueira Pérez (IES Plurilingüe Rosalía de Castro) e Ye Dá (Colexio Manuel Peleteiro). Luís García Romarís e Cayetana Matogueira Pérez lograron Medalla de Bronce e Mención de Honra na XXXVI Olimpíada Nacional de Química 2021. Tamén recolleron o seu premio as tres primeiras clasificadas da Demarcación da Universidade da Coruña, todas elas alumnas do Colexio Santa María del Mar: Alba Vázquez Chas, Adriana Plana Rey e María Eleonora Pereiro Salerno. E os tres primeiros da Demarcación da Universidade de Vigo: Adrián Vázquez Velasco e María Reino Hermida, ambos os do IES Otero Pedrayo de Ourense; e Carla Padrón Rodríguez, do IES As Lagoas de Ourense, que non puido acudir.

Xeneroso Álvarez Seoane destacou os inicios desta cita académica en 1979. Lembrou a Constantino Peón, “o propulsor desta idea”. “O noso obxectivo era espertar o interese pola química entre os máis novos”. O veterano químico recomendou “dedicación e especialización” a quen elixa esta carreira. Pola súa banda, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, destacou que Xeneroso Álvarez Seoane “ é un exemplo a seguir”. E recomendou aos mozos “seguir estudando para alcanzar as metas”.

O decano de Colquiga, Manuel Rodríguez Méndez, animou ao alumnado para “estudar Química” porque é unha ciencia que achega solucións á sociedade e ao seu benestar. Por último, Juan Sanmartín, coordinador da Olimpíada Galega de Química e encargado de realizar a exposición da historia da cita académica onde quedou patente a equidade na participación de ambos os sexos nos últimos anos, augurou que “a química será a que nos axude a superar a pandemia da Covid19”.

Artigos relacionados

Back to top button