DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os membros do equipo ciclista Pinturas Diéguez da Rúa sorprenden ao seu fundador, Rogelio, cunha cea-homenaxe

No acto, celebrado no restaurante A Lareira, entregábanlle unha placa en agradecemento polo seu labor a prol deste deporte na vila

A afección de moitos veciños da Rúa polo ciclismo remóntase anos atrás. De feito, durante as décadas dos anos 80 e 90 esta localidade valdeorresa foi todo un referente na competición de estrada a nivel galego. Hoxendía este deporte non pasa polo seu mellor momento, pero eses afeccionados que durante anos atesouraron unha gran paixón pola bicicleta, non esquecen ás persoas que o fixeron posible. Unha delas foi Santos Izquierdo, promotor do Premio Cuprosan que reunía cada ano a grandes profesionais, e presidente durante anos da Peña Ciclista da Rúa, que recibía a título póstumo unha das homenaxes da Festa do Codillo.

A outra é Rogelio Diéguez, fundador do Club Ciclista Pinturas Diéguez, cun equipo afeccionado e outro xuvenil que durante varias décadas participou en carreiras por toda Galicia e noutros puntos como Ponferrada. Rogelio foi ademais o sucesor de Santos como presidente da peña e na noite do 6 de abril era sorprendido cunha cea-homenaxe celebrada no restaurante A Lareira. Ao acto, sinxelo pero sinceiro, acudían os quince membros do equipo, entre eles o actual concelleiro de Deportes da Rúa Avelino Fernández, quen explica que foi un pequeno acto de recoñecemento polo seu labor a prol do deporte na vila, coa entrega dunha placa conmemorativa.

Para o homenaxeado o acto foi toda unha sorpresa e trala cea e o agradecemento pola deferencia, decidía institucionalizar unha cea anual para reunir ao equipo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button