OurenseÚltima hora

Os menores de 35 anos de concellos ourensáns poderán optar ás axudas da Xunta para a compra de vivenda

O prazo para a presentación das solicitudes remata o vindeiro 31 de outubro

 

Vivendas no Barco de Valdeorras.

 

Os ourensáns menores de 35 anos poderán optar ás axudas da Xunta para a compra de vivenda. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro. Así, disponse dunha dotación global de 1,6 millóns de euros para a convocatoria deste ano.

Ademais, en 12 concellos ourensáns pódese solicitar a axuda para adquisición de vivenda en centros históricos ao estar incluídos na lista correspondente. Cinco destes municipios (Boborás, Castro Caldelas, Manzaneda, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía) teñen menos de 5.000 habitantes, polo que nestes casos en concreto estarán dispoñibles dúas liñas de axudas. Os outros sete concellos nos que se pode solicitar unha subvención para comprar vivendas nos centros históricos son Allariz, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas e Verín.

A axuda destinada a fomentar a adquisición de vivendas en centros históricos por parte do colectivo de menores de 35 anos está dotada este ano cun orzamento de 800.000 euros. As vivendas para as que se solicite a axuda deberán cumprir coas seguintes condicións: estar emprazada nun centro histórico dos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se convocou esta liña de subvencións; que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada; e que o prezo de adquisición non superará ao dunha vivenda protexida de 120 metros cadrados, de réxime concertado, no mesmo concello. Se a vivenda dispón de garaxe e/ou rocho, o prezo máximo incrementarase nun 8% e nun 2% respectivamente. Isto supón que o prezo máximo dunha vivenda con garaxe e rocho na cidade de Ourense será de 234.131 euros e no resto de concellos da provincia de 180.100 euros.

Artigos relacionados

Back to top button