ConcellosRubiáÚltima horaVilariño de Conso

Os montes de Biobra (Rubiá) e Castiñeira (Vilariño), en tramitación para inscribirse no rexistro de masas consolidadas de frondosas

A Xunta está a tramitar nestes momentos a inscrición de dez montes situados nas provincias de Lugo e Ourense

Vista do núcleo de Biobra, na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste 12 de novembro O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dez montes situados nas provincias de Ourense (entre eles os das comunidades de montes de Biobra e Castiñeira) e Lugo.

A superficie combinada dos dez expedientes é de case 1.230 hectáreas e todos os montes están clasificados como veciñais en man común. Ademais, contan cun instrumento de ordenación redactado a raíz da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocaron para 2018 (DOG do 24/01/2018).

A partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, situado en Santiago de Compostela os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas.

40 expedientes de inscrición

A Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 3.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace ao anuncio no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201112/AnuncioG0426-281020-0001_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button