CarballedaConcellosEn portadaÚltima hora

Os montes de Casaio, unha paisaxe na que latexa a historia

Dela pode desfrutarse dende un banco situado no miradoiro que se encontra pola pista de camiño ao San Xil Vello

 

Natureza, montaña, arqueoloxía, lenda e memoria. Na paisaxe de Casaio (Carballeda de Valdeorras) poden lerse páxinas fundamentais de diferentes momentos da historia. As máis antigas remóntanse á prehistoria, co referente do conxunto de pinturas rupestres de Pala de Cabras, cuxo descubrimento se facía público en febreiro de 2018, e que os expetos sitúan no terceiro milenio antes da nosa era. Polo momento, trátase de 15 paneis con representacións e un total de 25 motivos distintos, que inclúen os característicos ídolos oculados, soliformes e arboriformes, máis tamén representacións animais e dixitacións.

 

Unha das pinturas rupestres da Pala de Cabras.

 

Séculos despois, a riqueza mineira destes montes púxoos no foco internacional coa explotación dun mineral estratéxico como o wolfram en diferentes momentos do século XX, pero, de xeito especial, na segunda guerra mundial. Hoxe segue sendo un referente mundial pero doutro recurso mineiro: a lousa.

Ademais hai máis de 70 anos este territorio convertíase na denominada Cidade da Selva,  “punto neurálxico da guerrilla do noroeste español, zona de conexión entre Asturias, León, Galicia e Portugal. Isto fixo que Valdeorras tamén fora, durante algúns anos, a sede da Federación de Guerrillas de León-Galicia, un organismo con capacidade democrática en tempos dunha ditadura férrea”, tal e como recolle nun recente estudo a xornalista valdeorresa Alba Prada.

 

Desvío cara o San Xil.

 

Tamén neste entorno, no marco de Macizo de Trevinca, ubícase a capela do San Xil, na que cada primeiro de maio se viña celebrando unha romaría na honra deste santo. A historia de San Xil está intimamente vencellada á do mosteiro sanabrés de San Martiño de Castañeda aínda que segundo o historiador Isidro García Tato, unha reconstrución exacta da vida deste persoeiro resulta imposible “porque, ademais de estar moi mesturada a historia coa lenda, os datos de que se dispoñen son tan dispares que ás veces resultan contraditorios”.

 

Ermida do San Xil.

 

Partindo da base “de que faltan razóns convincentes nas diferentes versións sobre a biografía de  San Xil”, García Tato inclínase pola que asegura que a súa vida estaría dacabalo entre a segunda e a primeira metade dos séculos XII e XIII, sendo monxe Cisterciense do Mosteiro de Carracedo e abade do Mosteiro de San Martín de Castañeda que levou vida eremítica (centrada na meditación, o silencio e a penitencia) nos montes de Casaio onde morreu “en olor de santidade”.

 

O Teixadal de Casaio e O Foio Castaño.

 

Estes montes custodian xoais botánicas como o engaiolante e milenario bosque do Teixadal, eternamente verde ou o fermoso Foio Castaño. Ademais nesta paisaxe poden atoparse elementos etnográficos, como son as numerosas alvarizas, que delatan a antiga presenza do oso na zona.

 

Vista de Casaio.

 

Xa nas proximidades de Casaio un banco permite desfrutar das fantásticas vistas. E xa dentro da localidade poden atoparse elementos de interese como, por exemplo, a fachada renacentista do seu cemiterio, dende o que tamén pode verse un entorno de montaña no que latexa a historia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Fachada renacentista do cemiterio de Casaio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button