CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Os mundiais de fútbol centran a exposición da Semana Cultural no colexio Pablo VI-Fátima da Rúa

O obxectivo desta edición do programa é fomentar o valor do servizo baixo o lema  “Quen non vive para servir… non serve para vivir”

Dende o primeiro, Uruguay 1930 ata o deste ano, Rusia 2018 pasando por España 1982. Os mundiais de fútbol son os protagonistas da exposición coa que o colexio Pablo VI-Fátima da Rúa abre, como cada ano, a súa semana cultural.

Instalada na entrada do colexio, a mostra fai un percorrido pola historia desta competición deportiva internacional, con todo tipo de material, a maioría elaborado polo alumnado do centro e outro doado por equipos de fútbol profesional e tamén afeccionado.

O máis orixinal é a maqueta dun campo de fútbol con camisetas das diferentes seleccións, elaboradas con forespán. Sobre o terreo de xogo, coma se dun combinado se tratara, están os equipos que gañaron un mundial (Brasil, Alemania, Italia, Arxentina, Uruguay, Francia e España) e na bancada posterior, en tamaño máis reducido, os que participaron unha soa vez nalgún ata un total de 78 seleccións. Por riba están os balóns de todos os mundiais e por baixo os carteis de cada edición.

A maiores hai traballos moi completos sobre cada un dos mundiais, cos xogadores máis destacados e as súas mascotas. Ademais recompilaron material moi interesante (camisetas, revistas, balóns cedidos,…), entre os que destaca o balón asinado polos xogadores da Selección Española.

A exposición “Historia dos mundiais de fútbol” poderá verse durante toda esta semana na que se desenvolverán todo tipo de actividades vencelladas á cultura como contacontos ou obradoiros literarias, pero tamén deportivas, lúdicas e de convivencia interxeracional coa visita dos maiores da Residencia de N. Sra. de Fátima, entre outras. Dende a Escola de Familias do luns día 23 ata a festa do sábado 28 de abril que inclúe o Peque-festival, a eucaristía e o acto institucional coa entrega de premios académicos e deportivos, actuacións e despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. A XV Semana Cultural pecharase coa cea de confraternidade no comedor do colexio.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button