ConcellosÚltima hora

Os municipios de Larouco e Petín contarán con Casas niño

O DOG do 24 de decembro recolle as solicitudes beneficiadas desta nova convocatoria de achegas

Exterior da Casa do Concello de Larouco./ Foto: A.R.

 

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 24 de dembro a resolución das axudas para a creación de 15 novas Casa niño no rural. Seis en localidades estarán en municipios da provincia de Ourense: Petín, Larouco, Montederramo, Vilar de Barrio, Punxín e Rairiz de Veiga.

Outras catro crearanse en municipios da provincia de Lugo como Ribas de Sil, Baleira, Navia de Suarna e Samos. Abriranse outras catro na provincia da Coruña Cerdido, As Somozas, Toques e Vilasantar) e unha na provincia de Pontevedra (Pazos de Borbén).

As Casas niño son pequenas escolas infantís que atenden cada unha delas a un máximo de cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos. Son totalmente gratuítas para as familias. O obxectivo da Xunta é que todos os concellos teñan a posibilidade de ter un recurso de conciliación ao remate da lexislatura.

Esta é a cuarta liña de subvencións lanzada polo Goberno galego desde que se implantou este programa no ano 2016 e que permitiu poñer xa en funcionamento 60 recursos de conciliación deste tipo en municipios de menos de 5000 habitantes.

As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dous meses contados a partir da publicación desta resolución no DOG para achegar toda a documentación requirida no caso de que non fora achegada coa solicitude, así como para acreditar o acondicionamento do inmoble. Este prazo será de tres meses no caso das cooperativas de traballo asociado en proceso de constitución.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button