PolíticaÚltima hora

Os nacionalistas denuncian “a alta demora” na Radioloxía Oncolóxica do CHUO

O CHUO asegura que os seus catro TAC están operativos e que vén de incorporar a un novo radiólogo ao seu cadro de persoal para reducir os tempos de agarda 
Os nacionalistas falaron con pacientes afectados polas demoras. // Foto: Carlos Asensio.

A área sanitaria de Ourense volve estar no punto de mira. Esta mañá (1 de xuño), a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón; e a deputada nacionalista por Ourense no Parlamento de Galicia, Noa Presas, acudiron ao CHUO para falar con pacientes de oncoloxía que están a sufrir “o colapso”, dixo Pontón, do servizo de Radioloxía.

Luis, un dos pacientes afectados, recalcou que “aos pacientes de oncoloxía nos están citando con moito retraso”. Segundo asegurou, hai ocasións nas que teñen que reclamar máis de 10 veces “para que nos atendan a tempo”. Este paciente contou que dende o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) lles explican que estes retrasos débense á falta dun radiólogo: “dixéronnos que o ían contratar hai tres meses e a día de hoxe aínda non sabemos nada”, lamentou.

En canto á media de agarda por unha cita, Luis asegurou que “da xente do meu entorno” temos até máis de dous meses e medio. Tamén reiterou que isto é algo que afecta a todos os pacientes oncolóxicos e incluso asegurou que os propios doutores de Oncoloxía din “lémbrate que tes que reclamar se non non te van a dar a cita”. A pesar de todo, Luis tivo sorte e “tras 20 reclamacións” finalmente déronlle hoxe, 1 de xuño, a súa cita previamente á rolda de prensa.

Pontón ve a solución na contratación de persoal para Radioloxía. // Foto: Carlos Asensio.

Ante esta situación Ana Pontón veu a denunciar que isto é “un síntoma dos recortes e da mala xestión da Xunta no servizo sanitario”. A portavoz recalcou que o Servizo de Saúde ten que ser “escrupuloso e meticuloso para que todo funcione sen demora” e asegurou que o que hai en Ourense é “un problema de acceso ao Servizo Sanitario”. E reiterou que cada vez máis se están a derivar casos ao sector privado. Ana Pontón asegurou que Radioloxía “é un servizo clave” porque “se non funciona é imposible que a diagnose poida funcionar”.

Con todo, a voceira nacionalista quixo recoñecer o labor dos profesionais: “dende o Bloque recoñecemos o inmenso traballo que fan os profesionais, que son os que tamén están a sufrir as consecuencias destes recortes”. E achacou o problema das “saturacións” de Ourense á falta de recursos “que non só é neste área sanitaria, senón que tamén está a suceder noutras de Galicia”, aclarou.

No eido das solucións, os nacionalistas teñen claro que estas pasan pola contratación de persoal: “temos profesionais sanitarios en Galicia formados que están a marchar para o estranxeiro e o SERGAS está con este problema tan grande e está claro que este problema vén dado pola falta dun radiólogo”.

Con todo, o CHUO vén de emitir un comunicado no que especifican que o Complexo “mantén a pleno rendemento os seus tres TAC e vén de ampliar o seu cadro de persoal, cun radiólogo máis, “para equilibrar ao máximo os tempos de iniciación e realización destas probas”.

Actualmente o CHUO conta con tres TAC “que realizan actualmente 24.615 probas” no ano 2016, cifraron. E aseguraron que dende o pasado mes de maio “están a pleno rendemento” grazas, din, á ampliación horaria dun deles tamén á xornada da tarde “para atender, ademais das probas programadas, ás urxentes”. Asemade, aseguraron que tras a incorporación desta nova directiva está en marcha un Grupo de Traballo Multidisciplinar que puxeron en marcha medidas “de carácter exclusivo neste mes de xuño” como a de programar nun dos TAC as probas de Oncoloxía, ademais de que se continuarán realizando nos outras catro TAC do CHUO e nos hospitais de Verín e Valdeorras.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button