En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Os nenos do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín, protagonistas da ‘Primavera das Letras de Florencio’

A Real Academia Galega compartiu coa comunidade educativa do centro a presentación dunha nova etapa do proxecto para os nenos de Infantil e Primaria

 

Aínda que a estación entraba oficialmente o domingo 20 de marzo, non era ata hoxe cando agromaba a ‘Primavera das Letras’, o proxecto promovido pola Real Academia Galega para achegar aos nenos de Infantil e Primaria a figura e a obra do autor homenaxeado o vindeiro 17 de maio, Florencio Delgado Gurriarán. E facíao precisamente no colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello valdeorrés onde naceu o poeta de Córgomo.

Así, na mañá deste martes 22 de marzo, a Real Academia Galega presentaba no CEIP Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 e que conta entre outras novidades, coa colaboración de escritores de literatura infantil para dar a coñecer á xente miúda a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, tal como explicou a directora do proxecto, a académica Fina Casalderrey, sendo Ledicia Costas quen asina a biografía do poeta valdeorrés, xa dispoñible na páxina web primaveradasletras.org con ilustracións da artista Blanca Millán. A proposta ofrece tamén actividades interactivas, xogos e o concurso Contádenos o voso Día das Letras. Ademais, proximamente estreará unha nova sección para ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares.

 

A comunidade educativa do CEIP Xosé Manuel Folla Respino na presentación da Primavera das Letras da RAG.

 

No acto, que comezaba pasadas as 12:30 horas, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey eran os encargados de dar a coñecer a nova edición da ‘Primavera das Letras’, pero tamén interviñan o director do CEIP, Chema González; Priscila Núñez, en representación das familias do alumnado; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez. Con todo, os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da Real Academia Galega a Delgado Gurriarán na súa terra, foron os nenos e nenas da única escola deste concello do extremo oriental ourensán, que conta con 25 menores matriculados, varios deles veciños de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. De feito, o propio alumnado interpretaba en directo a adaptación musical do poema Vente, ventiño do norte realizada polo mestre de música, Jaime Díaz, e na páxina web do proxecto pode verse xa un vídeo no que participa boa parte do alumnado, dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.

Así e todo, o primeiro en falar era o presidente da RAG, quen salientaba que coa ‘Primavera das Letras’ a Real Academia Galega “quere achegarse aos máis novos para que coñezan un pouco máis da nosa literatura. Estou seguro de que, da man dos mestres e mestras, este ano van coñecer un capítulo importante da nosa historia e, polo tanto, do que somos e do que podemos ser no futuro”, dixo, poñendo o acento no papel esencial das familias na transmisión interxeracional do idioma. “As nais e os pais sodes moi importantes para a lingua galega, tendes un papel fundamental para que os nenos e as nenas a sintan como algo propio, sementado no corazón dos afectos”, expresou. “Estas son as primeiras Letras Galegas”, engadiu o presidente, “nas que a Academia mira cara a unha parte moi concreta desa historia recente, a do exilio mexicano, onde Florencio Delgado Gurriarán e outras personalidades da diáspora mantiveron viva a lingua e a cultura galega con iniciativas como a revista Vieiros.

 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

 

Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, achega episodios coma este ao público infantil nun relato biográfico, presentado en catro fichas descargables, cheo de emoción e amenidade. “Coa maxia do seu talento literario, Ledicia conseguiu traer o Florencio neno do Máis Alá, non podía ser doutro xeito, para que el mesmo, en primeira persoa, nos relate a súa infancia en Córgomo e convídanos a subir canda el nese barco que cruzou o océano dende Bordeos ata Veracruz. Dos seus medos, das emocións, dos libros que escribiu, das revistas que puxo a andar… de todo iso nos fala”, avanzaba Fina Casalderrey, facendo partícipes aos pequenos do acto ao berro de “Eu en galego, a miña lingua guapa”. “Oxalá que, ao coñecer a súa figura, todos os nenos e nenas de Galicia acaben poñendo tamén en papeliños con declaracións de amor por Galicia como facía Florencio Delgado Gurriarán”, expresaba.

Un orgullo e exemplo para toda a comarca de Valdeorras

No seu turno de intervención, o director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino destacaba tamén a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para o fomento da lingua galega entre as xeracións máis novas. “Sentímonos moi orgullosos de que o noso ‘Corgomófilo’ sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A súa elección significa para nós o recoñecemento da cultura valdeorresa, e desexamos que sexa un referente para as futuras xeracións desta comarca e que axude a fomentar o uso do galego entre elas”, dixo Chema.

 

O director do centro, Chema González Cubelos, durante a súa intervención.

 

En nome das familias, Priscila Núñez, insistiu igualmente no que significan as Letras Galegas 2022 para a comarca, “pois colocou esta terra marabillosa no mapa da cultura”, e compartiu a ilusión infantil que significaba para ela a celebración do Día das Letras Galegas no mesmo colexio que hoxe acolleu a presentación de Primavera das Letras. “Todos poñiamos o maior empeño posible para sacar o mellor de nós:
o mellor artista, o mellor escritor, o mellor debuxante”, lembrou. “De pequenos soñabamos con este día e agora que son nai podo vivilo cos meus fillos, e explicarlles o valor da cultura e da memoria viva transmitida de xeración en xeración”, engadiu.

Pola súa banda, a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez, animou ao alumnado a seguir a celebrar a figura e a obra do autor durante todo o ano e compartiu a memoria do poeta valdeorrés e de Carlos Velo, tamén exiliado en México, que lle transmitiron as súas avoas. “O escritor e o cineasta”, explicou, “son só dous exemplos de que o día de mañá os nenos e nenas de hoxe poderán facer todo o que se propoñan en lingua galega”.

Antes de que o presidente da RAG pechase o acto, o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez salientaba de forma breve a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para “encher o rural de cultura e arte”, animando tamén a todos os nenos do colexio a axudar neste labor.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button