CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os nenos, protagonistas do Día Internacional dos Dereitos da Infancia no Barco

O Concello organizou un acto no Teatro Lauro Olmo coa colaboración dos catro centros de Educación Infantil e Primaria

O Concello do Barco de Valdeorras quere conseguir o certificado de “Cidade amiga da infancia” e para iso tratará de crear espazos de participación que nacerán dende os colexios, comprometendo a pais e nais do municipio, pero sobre todo contando coa participación dos nenos e nenas para crear o “Consello Local da Infancia e da Adolescencia”. E precisamente os nenos foron os protagonistas do primeiro paso para conseguilo: o acto conmemorativo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, celebrado na mañá do 20 de novembro no Teatro Lauro Olmo.

O espazo cultural reunía a máis de douscentos cativos, representantes dos catro centros de Educación Infantil e Primaria do concello do  Barco, que foron os protagonistas da mañá. O acto comezaba coa presentación por parte do concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Orlando Saavedra, quen deu a benvida a alumnos e profesores, dando asemade algúns datos como que no Barco hai uns 2.500 nenas e nenos (dos 4 millóns que hai en España e os 1.800 millóns en todo o mundo), asegurando que “todos tedes os vosos dereitos sen importar o idioma que faledes ou a cor da vosa pel, case 42 dereitos, dos cales poucos se cumpren na súa totalidade”, dixo.

Trala súa intervención chegaba a quenda dos nenos que durante as últimas semanas traballaron en clase sobre eses dereitos, subindo ao escenario por colexios para facer a súa propia interpretación. Os primeiros eran os nenos de 4º de Primaria do CEIP Condesa de Fenosa que falaron dos oito primeiros dereitos a través de debuxos que eles mesmos explicaron. De seguido subían ao escenario os alumnos de 4º e 5º do Divina Pastora, distribuídos por cursos, expoñendo varios dereitos, a través dun vídeo, exposicións e pancartas, e tamén  breves representacións.

Os representantes do CEIP Julio Gurriarán centráronse nos refuxiados, lendo un manifesto e contando a experiencia de dúas alumnas do seu colexio que chegaron este ano procedentes de Georgia, unha delas estaba presente e deu as grazas pola acollida. Os últimos en pasar polo escenario eran os representantes do CEIP Ramón Otero Pedrayo, distribuídos en dous grupos de 4º e 5º que falaron con garra e paixón dos dereitos dos nenos, entre eles o dereito ao xogo e a estudar protexido contra a explotación.

O alcalde do Barco, Alfredo García, pechaba o acto, dando as grazas aos cativos asistentes polo seu traballo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Máis información:
https://osil.info/o-barco-traballa-para-converterse-nunha-cidade-amiga-da-infancia-2/

Artigos relacionados

Back to top button