CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os nenos protagonizan a conmemoración do Día Internacional da Infancia no Barco

Ao acto, celebrado no Teatro Lauro Olmo, asistían os alumnos dos catro centros de educación primaria do municipio barquense

 

A evolución dos xogos, as profesións, a comunicación e a escola, dende os anos 60 ata a actualidade. Foron os temas sobre os que xiraron os traballos que os alumnos dos catro centros de primaria do Barco de Valdeorras presentaban no acto celebrado na mañá do 20 de novemebro no Teatro Lauro Olmo. Un acto celebrado para conmemorar o Día Internacional da Infancia que contou coa asistencia do alcalde do Barco Alfredo García, e do concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra.

Era o seu día, por iso os nenos foron os grandes protagonistas do acto. Os encargados de coordinar o evento foron os integrantes no Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) do Barco, creado a principios deste ano, sendo Lucía, Iria e Fuensanta as mestras de cerimonia, guiando a xornada e expoñendo os avances que levan feito, explicando ademais como entenden a participación no concello. “Traballamos moito pero tamén xogamos”, aseguraron.

 

 

Levaban traballando nos proxectos dende o mes de outubro e finalmente, diante de todos os seus compañeiros puderon expoñer o resultado vencellado aos dereitos da infancia, na conmemoración do 30 aniversario da Convención dos Dereitos do Neno. Os primeiros foron os do CEIP Condesa de Fenosa que presentaron un vídeo coa escenificación de tres xogos: un dos anos 60, outro dos 80 (a raiola) e outro da actualidade (videoxogos). De seguido tocoulle o turno ao CEIP Divina Pastora, encargado de analizar a evolución das profesións, con entrevistas a gardas civís e mestras nas diferentes décadas. O CEIP Julio Gurrirán presentou o seu traballo sobre a evolucion da comunicación, cun introdución previa e un vídeo coas declaracións de tres profesionais de medios de comunicación, dous do Periódico O Sil e un de Onda Cero Valdeorras. Os últimos en expoñer o seu traballo foron os do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira que proxectaron un vídeo co resultado das enquisas realizadas sobre a evolución da escola.

O ano pasado, nesta mesma data, o Concello do Barco anunciaba a súa intención de formar parte do proxecto de UNICEF Cidades Amigas da Infancia. Neste marco creouse este CLIA no que as nenas e nenos do municipio poden opinar e facer propostas sobre políticas locais. Neste senso, o vindeiro 22 de novembro o CLIA do Barco asistirá, no Parlamento de Galicia, ao VII Foro de Participación Infantil. Este foro ten por obxectivo o de dar voz aos nenos e ás nenas para que, traballando previamente nos seus Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente, as cuestións que son da súa preocupación e interese, poidan aportar durante o pleno a súa visión de como estas se ven reflectidas nas súas vidas e na de millóns de nenos que se atopan en países en vías de desenvolvemento. Aproveitando a viaxe ao Parlamento, o CLIA tamén visitará o MUPEGA (Museo Pedagóxico Galego).

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button