DeportesÚltima hora

Os nenos súmanse ao Épico Parteme-Pía Paxaro 2021 polos montes de Quiroga

A edición deste ano, celebrada a fin de semana do 10 e 11 de xullo, incluíu unha ruta infantil

 

Nacía hai apenas seis anos co obxectivo de desfrutar dunha xornada de bicicleta e montaña, nun ambiente familiar no que, por riba de todo, priman o compañeirismo e a amizade e, nesta edición, incluían unha ruta  infantil.

Na fin de semana do 10 e 11 celebrábase segundo estaba previsto, unha nova edición da ruta en BTT Épico Parteme-Pía Paxaro. Unha fermosa ruta con saída en Quiroga para subir ata Parteme e coroar o Pía Páxaro, o monte máis alto da comarca a 1.640m. Un percorrido total duns 75km non exento de dureza no que cada ano participa unha vintena de bikers.

 

Participantes na quedada co Canón do Sil de fondo.

 

Organizada conxuntamente por Oroso Club Ciclista e Épico Parteme-Pía Paxaro, e respectando as normas anticovid en todo momento, a quedada incluía este ano un Épico Kids, duns 20 quiómetros, o sábado polo paseo dos ríos Quiroga e Sil no que participaban nenos e nais. E xa na xornada do domingo uns 20 ciclistas adultos participaban no Épico Challenge, nesta ocasión pola Ruta da Cubela “subindo a Torbeo e regresando polo sendeiro do Canón do Sil”, puntualiza Celes González, promotor da quedada.

Dado o éxito desta nova convocatoria, dende a organización adiantan que para o vindeiro ano  valorarán se repiten o formato deste ano (Épico Kids e Épico Challenge) ou haberá cambios “sempre para mellorar e escoitando a opinión e consellos de todos os asistentes, porque realmente o éxito desta quedada esta na sua xente”, aseguran.

 

Nenos e pais  participantes na Épico Kids.

 

Fotos cedidas.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button